BNG esixe á Xunta que actúe para que Reganosa manteña o nivel de tributación en Mugardos e retire o contencioso contra o concello

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández recrimina á Xunta o seu trato de favor á empresa e censura que votara no seu consello de administración a favor do recurso

BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para que o Parlamento galego reprobe a actuación da empresa Reganosa por poñer en risco as contas e o financiamento do Concello de Mugardos, así como para instar á Xunta a tomar todas as medidas necesarias para que a sociedade manteña o nivel de tributación no municipio que viña tendo e retire o contencioso contra o concello.

Así o defendeu o deputado nacionalista por Ferrolterra, Mon Fernández, na comisión parlamentaria de Economía, na que recordou as intencións de Reganosa de modificar a tributación en concepto do Imposto de Actividades Económicas (IAE) e que representaría unha perda de entre 300.000 e 400.000 euros menos cada ano para o municipio, así como o recurso xudicial contra o Concello que vén de interpoñer e no que lle reclama a devolución de seis millóns de euros, segundo as estimacións do grupo de goberno municipal, supostamente indebidamente cobrados entre os anos 2010 e 2020, incluídos, por causa dun incorrecto encadramento nos epígrafes do IAE.

Logo de advertir que, de ter éxito este contencioso, a situación na que quedaría o concello sería “desastrosa” e implicaría de inmediato recortes de servizos, Fernández apelou á Xunta porque “a xente pide explicacións e quere saber, primeiro, se é legal isto que quere facer Reganosa e, en segundo termo, se o Goberno galego é un subordinado ás ordes desta empresa ou se pinta algo no seu consello de administración”. “E se pinta algo -incidiu-, se ten algunha capacidade de influencia, algo que cabería esperar polo trato de favor que lle dispensa, por que asume as posicións de Reganosa sabendo o desastre que pode provocar no Concello de Mugardos”.

O portavoz nacionalista de Industria referiuse así á que cualificou como “relación privilexiada” da empresa coa Xunta, xa que máis alá do 25% que a Administración galega ten no seu capital, existen datos que, segundo recalcou. demostran o “trato privilexiado” do Goberno do PP cara a Reganosa.

Neste sentido, recriminou ao Executivo galego que os seus cinco representantes no consello de administración da empresa (o vicepresidente primeiro, os conselleiros de Facenda e Educación e os directores xerais de Orzamentos e Industria) “votaron a favor de demandar ao Concello de Mugardos, nunha reunión do consello celebrada en xullo e convocada especificamente para abordar este asunto e tomar a decisión”.  

De igual xeito, lembrou que ata 2016 existía unha empresa, Gasifica, tamén do sector enerxético e gasista, que estaba no capital de Reganosa -aínda que cos seus dereitos de voto limitados, precisamente por se do mesmo sector e entender o regulador que podían darse conflitos de interese- e que coa súa marcha “obriga” en certo sentido aos demais socios a facerse coa súa parte, sendo a Xunta e o Grupo Tojeiro os que compraron estas participacións. “Podemos dicir que a Xunta estivo aí cando Reganosa e o seu socio maioritario precisaron dela”, concluíu.

A isto engadiu a incorporación de Reganosa á sociedade Impulsa, constituída polo Executivo galego para o desenvolvemento estratéxicos para Galiza e que contribuirá, por exemplo, á maduración das iniciativas da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation. “Supoño que todo o mundo estará de acordo en que non hai nada que desnivele máis a balanza que ser xuíz e parte, que é precisamente a posición na que a Xunta colocou a Reganosa, que ten os seus proxectos para os fondos europeos e, ao mesmo tempo, está no consello da sociedade destinada a impulsar a candidatura galega aos Next Generation”, censurou.

Por último, Fernández tamén apuntou a aposta do Goberno do PP polos proxectos da empresa para instalarse nas Pontes en clara competencia con Endesa. “Estes son feitos coñecidos e son de moita importancia para unha empresa que opera nun sector, o do gas natural, que ten data de caducidade, aínda que certamente exista un debate aberto na UE sobre cal debe ser o papel do gas na actualidade (se pode ou se debe xogar o papel de enerxía de transición), está claro que a longo prazo é incompatible co obxectivo de ser neutrais en emisións”, alertou.

“Nós, como BNG, non nos imos pronunciar sobre a legalidade da pretensión de Reganosa, agora ben, o que si nos parece necesario é traer a cuestión ao Parlamento galego e dar un debate sobre cal é o papel que xoga a Xunta nesta empresa e instala a realizar as accións necesarias para restaurar a situación anterior; é dicir, que Reganosa manteña o nivel de tributación no Concello de Mugardos que viña tendo e que retire o contencioso interposto”, concluíu. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP e a abstención do PSOE.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG