BNG esixe responsabilidades á Xunta pola sentenza do TSXG contra a ampliación dunha granxa avícola en Rairiz de Veiga

Mini Rivas
Mini Rivas
Mini Rivas acusa ao Goberno galego de ser cómplice necesario: “pesa máis ser do PP que a Lei de Avaliación ambiental e a saúde humana”, recrimina

BNG esixiu responsabilidades á Xunta no Parlamento galego pola recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que declarou nula a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental que aprobaba informe de impacto ambiental dunha explotación avícola na parroquia de Santa María de Congostro do concello de Rairiz de Veiga, situada dentro da Zona de Especial Protección de Aves da Limia, a 400 metros do LIC Veiga de Ponteliñares e dentro da Reserva da Biosfera da Área de Allariz.

O portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, recordou nunha pregunta en comisión parlamentaria que o fallo do alto tribunal galego estima que a solicitude ambiental e a documentación achegada incumpren a Lei de Avaliación ambiental, entre outras cousas, porque a descrición dos efectos sobre o medio “carece de rigor, é insuficiente, parcial, incompleta e vaga”. “Que lle digan isto á Dirección Xeral de Calidade Ambiental é para sacar as cores, como mínimo”, recriminou logo de ler textualmente fragmentos da propia sentenza.

Neste sentido, tamén lembrou que o TSXG considera que non se dá unha valoración adecuada das repercusións en espazos Rede Natura 2000 nin das repercusións medioambientais nos recursos hídricos; que se produce algo “tan básico” como unha contravención do principio de precaución ou cautela; e que, ademais de estimar vulnerados os dereitos á saúde, á intimidade persoal e familiar, á inviolabilidade do domicilio e a gozar dun medio ambiente adecuado, tamén considera vulnerado o dereito de información e participación no procedemento da veciñanza e de entidades como o Movemento Ecoloxista da Limia ou a Sociedade Galega de Historia Natural que, xunto a unha familia con vivenda a carón da explotación xa existente, presentaron alegacións á decisión do Goberno galego.

“Vostedes non responderon a ningunha das alegacións feitas nos últimos 14 anos a novas explotacións e ampliacións”, recriminou, para engadir a continuación que o Executivo do PP pretende neste caso, coma é habitual, “escorrer o vulto e espallar as responsabilidades difuminadas para que non se vexan nun neboeiro absurdo”.

Logo de alertar co distintas analíticas oficiais sobre os altos índices de contaminación que se rexistran na zona debido aos estercos e xurros orixinados neste tipo de explotacións, Rivas acusou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental de ser “cómplices necesarios para que esta situación se dea” e, nesta liña, asegurou que “ten máis peso que os índices, as analíticas, a Rede Natura, a Lei de Avaliación Ambiental e mesmo que a saúde humana, pertencer ao PP, e se es concelleiro, máis”, en alusión á que definiu como “estreita relación da sociedade promotora co PP e a condición de concelleiro en Rairiz de Veiga do suposto máximo responsable da mesma”.

“Nin atenden nin responden ás alegacións sensatamente formuladas e argumentadas; pensan máis os ‘chanchullos’ e ‘politiquerías’ que a observación da lei e este é un caso máis”, denunciou con dureza para concluír a continuación que estamos ante “un caso máis no que grazas á valentía das e dos afectados saíu a barbaridade á luz”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG