parlamento galego

BNG esixe ao Goberno que paralice de inmediato as verteduras de augas residuais da mina de San Finx

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez reclama a reparación de danos e que se suspenda a actividade da empresa mentres non exista un estudo de impacto ambiental

“Non é lóxico que a Xunta de Galiza permita verter sobre o medio miles e miles de litros de auga con metais pesados”, critica a deputada do Bloque

A deputada do BNG Rosana Pérez vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas nas que esixe á Xunta do PP que paralice de inmediato as verteduras de augas residuais da explotación de San Finx, en Lousame, logo de ter constatado a propia Administración altos niveis de contaminación augas abaixo das balsas mineiras.

Rosana Pérez leva de novo ao Parlamento os problemas medioambientais que o BNG, xunto a outros colectivos socias, teñen denunciando reiteradamente  dende hai anos. Nesta ocasión faino despois de coñecerse os resultados das análises levadas a cabo por Augas de Galiza no entorno das balsas da mina, que amosan niveis de metais pesados na auga que superan amplamente os máximos legalmente permitidos. En puntos non autorizados do rego Rabaceiras, subliña a deputada, o nivel de cadmio detectado é 78 veces superior ao permitido; o de cobre, 48 e o de cinc, 8.

“Os niveis de contaminación detectados en agosto son recorrentes, pero agora se recoñecen expresamente pola Administración galega, a mesma que nunca antes actuou ao respecto e a mesma que procedeu a outorgar un expediente de autorización de vertidos a unha empresa que non é fiable nin solvente”, criticou Rosana Pérez aludindo ao permiso outorgado en febreiro pola Xunta para verter en dúas fases catro millóns de metros cúbicos de augas residuais da explotación mineira de San Finx ao río Pesqueira.

Un permiso, lembra a deputada nacionalista, que supuxo a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía e cuxas condicións xa foron incumpridas, pois o prazo inicial fixaba para o 1 de xullo a execución das obras dos sistemas de tratamento de augas residuais.

O Bloque critica na súa iniciativa que dende hai anos as sucesivas empresas concesionarias da explotación mineira trataron de esquivar a súa responsabilidade de recuperación ambiental da contorna da mina e sobre o importante problema que supoñen as balsas de residuos contaminantes. Tamén, agrega, a obriga de realizar un estudo de impacto ambiental que tería que ser avaliado pola Administración “da que partiu a iniciativa de non reclamárllelo nos últimos 14 anos.

“Non é lóxico -salienta- que con esta serie de incumprimentos e cunha proba piloto máis que cuestionable feita pola empresa, a Xunta lle vaia permitir verter sobre o medio miles e miles de litros de auga con metais pesados, nin que non considere eses incumprimentos motivos máis que suficientes para paralizar a súa actividade e obrigala a restaurar o medio”.

É por iso que o Bloque esixe no Parlamento que a Xunta do PP paralice de inmediato as verteduras de augas da mina de San Finx, artellando todos os mecanismos legais e técnicos que sexan precisos. O BNG reclama ademais ao Goberno galego que obrigue á empresa a  cumprir a Lei de Responsabilidade Medioambiental para previr, evitar e reparar danos medioambientais e, de non ser así, que actúe subsidiariamente con cargo ao patrimonio da concesionaria, dos seus administradores, propietarios e demais responsábeis subsidiarios.

Finalmente, na iniciativa presentada por Rosana Pérez emprázase á Xunta a suspender a actividade da empresa mineira concesionaria mentres non se leve a cabo o obrigado estudo de impacto ambiental da mina e se regularice a situación de ilegalidade na que se atopa a explotación.

“Non é lóxico que a unha empresa se lle permitan acometer accións concretas sobre unha explotación mineira, como pode ser a autorización de desaugar unha galería ateigada de metais pesados, antes de que se lle obrigue a asumir a súa responsabilidade sobre problemas de extrema importancia derivados da súa propia concesión e que supoñen un perigo extraordinario”, advirte a deputada en relación ao risco medioambiental, económico e social que supoñen as instalacións de San Finx para toda a súa contorna e para toda a ría de Muros e Noia.  

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG