Senado

BNG denuncia o “uso partidista que fai o Partido Popular” do Senado

Carme da Silva
Carme da Silva

Após coñecer que o Presidente só se reunirá coa Embaixadora israelí, a senadora do BNG critica que a cuarta Autoridade do Estado non inclúa unha reunión co Embaixador de Palestina

Carme da Silva defende, na carta enviada a Pedro Rollán, “a mediación como o único camiño a seguir” para unha pacificación duradeira

A senadora por Galiza, Carme da Silva, escribe unha carta dirixida ao Presidente do Senado para demandar o cese de toda actividade partidista por parte da cuarta Autoridade do Estado e inclúa na súa axenda institucional unha reunión co Embaixador de Palestina. Após ver que na Axenda Institucional do Presidente da cámara alta existe unha entrevista coa Embaixadora do Estado de Israel, da Silva demándalle, en aras á equidade, desempeñar o cargo con ecuanimidade evitando dar a sensación de parte nun contexto mundial de grave preocupación e onde “a mediación debe ser o camiño a seguir”.

Na Axenda Institucional do Presidente do Senado figura unha entrevista coa Embaixadora do Estado de Israel o martes 24 de outubro ás 16:30 horas. Pola contra, a día de hoxe non está fixada ningunha reunión co Embaixador de Palestina o que motiva que a senadora do BNG envíe unha carta ao Presidente do Senado, Pedro Rollán, estabeleza unha axenda “non partidista” e “baixo criterios de ecuanimidade”.

En opinión da senadora nacionalista, a cuarta Autoridade do Estado “non pode mostrar este tipo de xestos que exhiben unha dobre rapadoira difícil de entender e de explicar”. Segundo explica da Silva, atopámonos nun momento de máxima preocupación pola vulneración dos dereitos humanos da poboación palestina e de incumprimento da legalidade internacional por parte de Israel.

Nun contexto a nivel europeo e da Comunidade Internacional onde se están a multiplicar as xestións para evitar a extensión do conflito “é oportuno pensar que o Presidente poida incluír na súa axenda institucional unha reunión co Embaixador de Palestina”.

Pola contra, haberá que concluír que non está a desempeñar con ecuanimidade o exercicio do devandito cargo, senón que está a actuar de forma partidista, como un representante dunha formación política,  facendo abstracción das implicacións do seu cargo institucional.

“Agardamos, polo menos, que o Presidente da Cámara Alta aproveite o seu encontro coa Embaixadora de Israel para trasladarlle a necesidade  dun cesamento do fogo, que o Estado de Israel cese o ataque sobre a poboación civil palestina, cumpra a legalidade internacional estabelecida, respecte as resolucións da ONU e se comece a traballar  a paz” reivindica a senadora do BNG.

Non pode haber vítimas de primeira e vítimas de segunda

Os ataques indiscriminados de Israel sobre a poboación civil da Franxa de Gaza que se están ampliando a outras áreas de Palestina, o corte de subministracións básicas como a auga e a luz, causaron xa máis de 5000 mortes, 2000 de nenos e nenas. “Israel debe pór fin a estes ataques, cumprir as leis contempladas en dereitos humanos e deixar pasar o transporte para a axuda humanitaria” asevera.

“Da mesma maneira que se condenou o ataque sobre civís israelís, tamén debe condenarse o continuo ataque de Israel sobre civís palestinos que está alcanzado visos de xenocidio” afirma da Silva. Para o BNG, engade, a resolución do conflito pasa polo recoñecemento do Estado Palestino, o cumprimento das resolucións da ONU e a retirada de Israel dos territorios ocupados. “É a única vía posíbel para a pacificación duradeira da zona” conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG