BNG denuncia a manipulación informativa e silenciamento da CRTVG dos grupos parlamentarios da oposición

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil exemplificou este proceder con comparecencias e posicionamentos políticos que non apareceron despois nos informativos

Afirmou  que CRTVG segue a senda da estratexia do PP ao servizo dos seus intereses partidistas

A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou unha pregunta parlamentaria ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo sobre o criterio informativo dos medios públicos á hora de cubrir as informacións dos grupos parlamentarios da oposición e concretamente, á portavoz nacional  deputadas e deputados do BNG.

Na súa intervención, Rodil explicou que na maior parte das comparecencias do BNG sempre está presente unha equipa da televisión e radio galegas pero moitas desas intervencións son posteriormente “silenciadas” nos  informativos.

Rodil utilizou varios exemplos para ilustrar como a CRTVG “manipula” e silencia a información da oposición. O   14 de novembro, lembrou a deputada nacionalista,  a portavoz nacional do BNG deu unha rolda de prensa diante do encarecemento dos xuros das hipotecas nun contexto de inflación. Nesa comparecencia pública, Ana Pontón defendeu, entre outras cuestións, “a creación dun  Fondo de rescate hipotecario a sufragar pola gran banca para axudar ás familias”. Na práctica o fondo fixa o tope no 1,5% e a banca asume o sobrecuste da  hipoteca no caso de persoas con salarios inferiores á media estatal.

Sen embargo, esta comparecencia  “non lle pareceu oportuno á dirección dos servizos informativos trasladar  á opinión pública galega, ao conxunto da cidadanía deste país esta información pero si recoller a resposta de Ana Pontón á pregunta formulada polos medios arredor da reforma do Código Penal.

A nós, ironizou,  parécenos,  estupendo que a TVG teña “unha axenda informativa propia” pero  resúltanos curioso que ademais de recoller a resposta a esa pregunta concreta  se informase dun asunto que consideramos relevante tendo en conta que milleiros de fogares en Galiza viron aumentar o custe da súa hipoteca en 150 e 200 euros ao mes nos últimos meses coa suba do EURIBOR.

Desde o 14 de novembro até hoxe, afirmou, esta a situación volveuse a repetir:  o 15 de novembro, da Rolda de prensa habitual de todos os grupos parlamentarios despois da Xunta de portavoces “non saíu ninguén, nin o BNG nin ningunha forza política”.

O 21 de novembro, no  primeiro debate en Pleno dos Orzamentos da Xunta para 2023. Emendas á totalidade das forzas políticas da oposición. “Nada no TX Mediodía. De ninguén”. O 22 de novembro, pleno ordinario. “Nada”. O 23 de novembro, segunda xornada de pleno no Parlamento de Galiza. Sesión de control ao presidente, tampouco se emitiu ningunha información da oposición.

Curiosamente, o día 24 de novembro, a presidencia do Congreso advirte a Néstor Rego por falar de monarquía corrupta  pero ese día foi a votación dos Orzamentos do Estado para 2023 e “informaron da posición de voto do deputado de Teruel Existe”. Do que votou o BNG “non sabemos nada”. Pero, volveu a ironizar, a quen lle importa? Total só lle votaron 120.456 persoas en Galiza, eh! “Non en Soria”.

O 2 de decembro, continuou a nacionalista,  “nin rastro do BNG, malia que o deputado no Congreso compareceu publicamente para solicitar a creación dunha Comisión de investigación polo derrubamento do viaduto do Castro na A6”.  Unha infraestrutura estratéxica para Galiza e para Lugo, que leva máis de medio ano caída e sobre a que existen  moitas dúbidas da responsabilidade da administración estatal e empresas construtoras.

Ese dia (2 decembro) si que tivo sorte o PP de Galiza, saíu no TX para informar da iniciativa que levaban a pleno sobre a reforma do Código Penal. “Parabéns porque as iniciativas do PSOE ou do BNG non saen nunca”.

O 5 de decembro nin palabra  da comparecencia do BNG  no Parlamento  sobre o modelo de residencias de maiores en Galiza, despois de 2 anos de promesas incumpridas do PP na Xunta segue todo igual. “Presentes na rolda os equipos da CRTVG e  seino porque a din eu” pero  ese día o foco informativo estaba noutra parte, “na visita do presidente da Xunta a unha residencia de maiores privada en Compostela”.

Rodil continuou coas súas criticas e lembrou que o  9 de decembro a información da rolda de prensa do BNG tampouco tivo cobertura nos informativos pero si recolleron a opinión do PP  informando á sociedade galega que o BNG está “a carón de Bildu e ERC”. 

Sobre o delito  de sedición e desordes públicas agravadas recolleron a posición  de ERC, PSOE, Podemos e, por suposto, o PP e o PP por duplicado: o tweet de Feijóo  e Cuca Gamarra. 

Vostedes, inquiriu a deputada do BNG,  teñen, por lei, a obriga de dar cobertura á actividade política deste país e tamén do seu Parlamento cun “criterio de pluralismo, independencia e obxectividade”, recalcou.

Tras a intervención de Sánchez Izaquierdo que negou o relato da nacionalista e asegurou que o BNG sae máis do que lle corresponde, Rodil, replicou  que “non é unha cuestión cuantitativa senón cualitativa” e non acontece só coa cobertura do BNG como organización política senón na presenza de voces plurais e diversas nos Faladoiros, nas entrevistas a “expertos”.

Neste país parece que só houbese unha persoa que sabe de dereito constitucional, sae por duplicado e triplicado. Calquera diría que en Galiza non houbese 3 universidades públicas coas súas correspondentes facultades de dereito!

“Pero esa voz única e omnipresente vailles ben porque repite o que di o PP revestido de académico”, concluíu.

Platafoma TVG

Por outra parte, na mesma comisión de control da Corporación da Radio e Televisión de Galicia, a parlamentaria pediu que a plataforma da TVG non sexa exclusivamente un “repositorio” de produtos porque  en realidade, dixo, debe ser un instrumento de “dinamización do sector do audiovisual galego”.

Rodil sinalou que os  horarios nos que se emiten estes produtos tampouco son os máis adecuados  para acceder a estrea dun filme ou unha serie.

Finalmente trasladou ao director xeral da CRTVG a necesidade dun “catalogo con novos produtos e filmes en galego”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG