O BNG defende que a custodia compartida sexa voluntaria e denuncia o cinismo de PP, En Marea e PSOE

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil: “A tramitación da ILP foi unha tomadura de pelo do PP, PSOE e En Marea, se xeraron expectativas que agora frustraron nun tema de tanta sensibilidade social”

O BNG defende que a custodia compartida sexa voluntaria e denuncia o cinismo de PP, En Marea e PSOE

O BNG volveu defender no Parlamento que a custodia compartida debe ser unha opción só cando se acorde voluntaria e libremente por parte das persoas implicadas, e sempre coa salvagarda máxima do interese dos e das menores. Pero non impoñerse como norma xeral tras a separación pois pode agudizar tensións e controversias que, frecuentemente, xorden tras a ruptura, e prexudicar aos fillos e fillas afectados, como así recolle un informe do propio Consello Xeral do Poder Xudicial.

Así o explicou a viceportavoz Olalla Rodil no debate en Comisión do ditame da ILP sobre esta cuestión, en coherencia coa posición mantida polo Bloque coa votación en contra da admisión a trámite desta iniciativa lexislativa popular, que prosperou en sesión plenaria cos votos a favor de PP, PSOE e En Marea en outubro de 2017.

Por iso, Rodil criticou o “cinismo político” destes tres grupos que hoxe cambiaron de posición e votaron en contra do texto completo da ILP, despois de estar mareando a perdiz durante meses a través de sucesivas prórrogas irregulares na tramitación da iniciativa, e despois de ter xerado unha expectativa no colectivo de persoas impulsoras da iniciativa nunha cuestión de tanta transcendencia social.

“A tramitación desta ILP foi unha tomadura de pelo, porque admitir a trámite unha proposta de lei xera unhas expectativas nas persoas que a promoven que agora se ven frustradas, como así o trasladaron en diversas ocasións a esta Cámara e aos grupos, e terán que explicarlles a estas persoas por que vetan agora o que aprobaron en pleno, nunha cuestión que xera tanta sensibilidade social”, salientou Rodil.

Po contra, “o BNG foi a única forza política que dixo o que pensaba desde o principio e explicou con franqueza a nosa posición ante as persoas impulsoras da ILP, nunha posición razoada e diáfana”, argumentou a viceportavoz, posición que mantivo en toda a tramitación até esta votación final en contra da iniciativa.

Impoñer a custodia compartida como solución salomónica ante separacións “é temerario e mesmo perigoso”. O Bloque considera  preciso adoptar máis e mellores medidas de co-educación e de co-responsabilidade dirixidas ao conxunto da poboación e ao longo de toda a vida.

“Educación como parte fundamental dunha sociedade que non discrimine, que non impoña roles por razón de xénero. É así como se equiparan responsabilidades e dereitos”, salientou Rodil, para explicar a posición da formación nacionalista en contra da ILP, lembrando que a custodia compartida xa é legal e está regulada no Código Civil, pero que en aras de preservar o interese dos e das menores, non e pode converter custodia compartida en custodia compartida imposta, como reclamaba a iniciativa lexislativa popular.