A deputada do BNG, Olalla Rodil anunciou hoxe o voto en contra á Iniciativa Lexislativa Popular argumentando que xa está “regulada” cando existe un acordo entre as persoas proxenitoras e porque a proposición defendida hoxe pola Plataforma pola custodia compartida é impositiva e ofrece a imaxe dunha sociedade presuntamente “igualitaria”.
Neste sentido, explicou que a pretendida igualdade de dereitos e obrigas entre nais e pais supón obviar, ou directamente suprimir, do debate unha peza chave para entender a actual sociedade.O modelo que propón a lei, impón como “solución salomónica” a custodia compartida das crianzas sen atender “ ao contexto histórico e social e aborda a custodia das fillas e fillos de maneira uniforme, á marxe da situación real que atinxe a moitas mulleres e homes”.
CORRESPONSABILIDADE FRONTE Á CUSTODIA COMPARTICA IMPOSTA
Vivimos en 2017, en pleno século XXI nun contexto de “discriminación e violencia” exercida contra as mulleres polo simple feito de selo. Violencia que adquire múltiples e diversas formas e que en moitos casos nin é visíbel, nin se denuncia. Noutros nin sequera se considera violencia de xénero. Unha realidade na que os homes, como reflicten os datos, non asumiron aínda a responsabilidade nin se implicaron na práctica o suficiente nos coidados, tampouco mentres existe convivencia na parella.
Sirva de exemplo, dixo Rodil, a inmensa maioría das solicitudes de redución de xornada para desenvolver esa tarefa coidadora en crianzas e tamén en persoas adultas dependentes, son solicitadas por mulleres. Máis do 70% das reducións de xornada. Un feito que pon en evidencia dúas cuestións: a pervivencia e reprodución do rol tradicional e patriarcal de muller-nai-coidadora e, doutra, a “feminización da pobreza” porque “a redución de xornada en situacións de convivencia recae maioritariamente sobre o salario máis baixo. O dela.”
A corresponsabilidade, a implicación de ambas as dúas persoas proxenitoras na crianza dos fillos e a equiparación de dereitos e obrigas debe facerse visíbel desde o comezo e non “a golpe de sentenza xudicial”, recalcou
Compartir a custodia das crianzas exixe un altísimo grao de cooperación entre as persoas proxenitoras e os coidados, educación e benestar das nenas e nenos deben ser consensuados. Desde o BNG cremos que a custodia compartida debe, pois, ser máis un modelo posíbel cando así o acordaren “voluntaria e libremente as persoas implicadas” e non como norma xeral.
Por iso defendemos que é preciso adoptar máis e mellores medidas de co-educación e co-responsabilidade dirixidas ao conxunto da poboación e un maior protagonismo a Educación como parte fundamental dunha sociedade que non discrimine e impoña roles, por razón de xénero. É así como se equiparan responsabilidades e dereitos. E por suposto garantir “a mediación, o acompañamento e o asesoramento legal e psicolóxico ao longo de todo o proceso de separación”, concluíu.