parlamento galego

BNG cuestiona a nova lei de calidade alimentaria do PP por “apresurada e insuficiente“ e falta de debate cos sectores afectados

Mini Rivas
Mini Rivas

Xosé Luís Rivas lamentou que o PP renuncie  a promocionar as economías rurais, instalar pequenas industrias  familiares e asentar poboación no medio rural

Afirma que os diagnósticos minifundistas e  “pailanismo” do PP levaron ao medio rural a un  abandono suicida e a sentenza agónica do lácteo

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas cuestionou a  lei de calidade alimentaria do PP “por apresurada e insuficiente” e sen contar cos sectores afectados. O nacionalista, acusou ao goberno do PP de realizar  “diagnósticos minifundistas”  acompañado de “pailanismo”  levaron ao medio rural a un abandono suicida e a unha sentenza agónica para o  lácteo.

Na súa intervención salientou as emendas presentadas  á lei e rexeitadas polo Partido popular entre as que destacou: “a promoción do desenvolvemento das economías rurais propiciando a instalación de pequenas industrias e explotacións agropecuarias familiares con base territorial  e  contribuíndo ao asentamento poboacional. Fomentar os Centros Comarcais de Transformación Alimentaria que poñan a disposición dos excedentes de autoconsumo e das pequenas iniciativas de transformación, a información, instalacións e aparatos homologados conformes a regulación oficial”.

O parlamentario indicou que o texto lexislativo foi elaborado “ás presas” e sen a participación dos sectores afectados. Todo dentro da legalidade, explicou Rivas  pero “cun cheiro ao chamosco que bota para atrás”. Dende  o BNG consideramos  que unha lei debe ser un “texto pousado”, e debidamente debatido cos sectores implicados, recalcou.

Galicia, ese país famoso pola cantidade e calidade dos seus alimentos, afirmou o nacionalista, foi noutros tempos a principal exportadora peninsular de carne de vacún, cunha soberanía alimentaria aceptable e actividade e xestión do territorio intensas de grande  biodiversidade e  calidade das augas  pero que  non soportou  o proceso brutal de “desagrarización”, consentido e patrocinado por un PP que dixo facer de nós un país moderno sen ter en conta a nosa singularidade e sen dar os  pasos necesarios para que este proceso non supuxese o trauma poboacional e de xestión territorial que hoxe arrastramos.

Para o deputado, a estrutura  agraria galega, non foi vista nunca coma unha opción a desenvolver. Coma unha maneira de “poboar e sustentar, coas reformas necesarias a soberanía alimentaria e o moderno poboamento dun rural necesitado de servizos e de  xestión humana.

Nos orzamentos da AGACAL para este ano electoral, explicou Rivas,   dos 11,7M€,  3  serán destinados á Cooperación Promoción Calidade e 1M€ para un Plan de Promoción de Produtos Agroalimentarios, e dicir,  de 11,7 millóns, 4 son para propaganda pero, a maiores, non ten sentido que un dos obxectivos da AGACAL sexa promover o consumo de produtos agroalimentarios en xeral.

A  Axencia desempeñaba a función de certificación da calidade dos produtos acollidos especialmente a consellos reguladores con poucas persoas operadoras ou con escaso volume de facturación. Esta competencia aparece agora eliminada e abre a porta á certificación privada cos custes que coleva e poñendo en perigo a rigorosidade e garantía. Nesta liña, dende o BNG tamén presentamos unha emenda que o PP rexeitou.

Por outra banda, o deputado do BNG  tamén aludiu ao artigo 27 que introduce un novo sistema de certificación denominado  de sustentabilidade, certificado que acreditará que na elaboración do produto se respectaron o medio ambiente, os dereitos dos traballadores e que se pagou a materia prima a un prezo aceptable. Non  debería ser normal  que nunha sociedade moderna e equilibrada estes aspectos fosen xa de carácter obrigatorio ? preguntou.

Mais o grave é que se fala dos Comités de Sustentabilidade sen definilos no artigo 4, e non o fan porque este artigo foi posto así, “ao chou, coma unha ocorrencia para a propaganda”

O parlamentario concluíu a súa intervención afirmando que as emendas do BNG consolidaban “os emprendementos alimentarios” e a actividade agrogandeira como soporte necesario da transformación e elaboración de produtos de calidade diferenciada pero “o PP preferiu non aceptalas e mermar  a propia calidade desta lei”, concluíu.

O BNG abstívose na votación da lei.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG