BNG advirte que os orzamentos da Xunta do PP deixan Galiza no pasado e na desigualdade e degradan os servizos públicos e o medio ambiente

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas denuncia que as contas do PP para o 24 non paran de retroceder e deixan a Galiza sen un novo marco para ganar autogoberno

A portavoz de Facenda e Orzamentos do BNG, Noa Presa acusou ao Goberno galego de presentar uns orzamentos  que deixan a Galiza “no pasado, na desigualdade, na desindustrialización e a degradación dos servizos sociais, e o  medio ambiente, o  medio rural e o mar”.

No debate das emendas ás contas da Xunta para o ano 2024, a nacionalista asegurou que os  “orzamentos  son  decisións políticas e económicas” e nesta liña presentamos unha emenda alternativa porque “queremos máis para o noso país e porque sabemos que é posible” e demostrarémolo porque “aínda que vostedes aproben sen mover unha coma estas contas coa súa  maioría absoluta, ese muro ten cada vez menos forza e saben que hai unha vontade de cambio que é imparable”.

Hoxe estamos nunha crise económica. A economía galega ralentizouse e poñendo a ollada no curto ou no longo prazo, crecemos menos có Estado:

  • A recuperación do  PIB prepandemia foi máis lenta que no conxunto do Estado e ademais, comparando a evolución dende a crise do 2008 os datos son peores: 6,5 puntos por baixo.
  • a crise da inflación segue connosco, fallaron as previsións, a de Galiza foi maior có Estado e é posible un repunte a medida que se retiren as medidas excepcionais.
  • o endurecemento das condicións bancarias afoga familias e empresas
  • e o escenario internacional cada vez máis bélico, como amosa o xenocidio contra Palestina.

A deputada amosou o seu convencemento de que os orzamentos debatidos hoxe “serán os últimos da lexislatura” así como a “nefasta xestión do PP” que deixa unha Galiza que non para de retroceder.

O PP reduce os recursos e a riqueza de Galiza

A xuízo da deputada, “o PP xestiona mal” porque faino ao servizos dos grandes intereses. Drenan os recursos para a  privada e descapitalizan o sistema público e agora acabamos de coñecer un  informe demoledor sobre as autovías indicando que “pagan 44 millóns de máis polas autovías que planificou o estadista Feijoo sendo conselleiro”.

Xestionan ao servizo dos grandes intereses cunha política fiscal que privilexia aos máis ricos, opúñanse ao imposto estatal ás grandes fortunas escudándose no autogoberno e coa súa rectificación constatamos que a  súa preocupación non era o autogoberno, era protexer ás minorías. “Máis preocupados polos 9 galegos máis ricos, 9, 9 persoas que polas máis de 170.000 persoas con privación material severa! Vaia retrato, sentenciou.

Dende o BNG propoñemos, incorporar medidas para dotar de progresividade o IRPF ou os impostos de Patrimonio e de Sucesións e Doazóns.

Tamén desenvolver tributos propios promovendo a xustiza social, a saúde e sostibilidade, por iso propoñemos  gravar ás grandes superficies comerciais e novas imposicións medioambientais.

Negociación co Estado 

 Se cun só deputado e senadora negociamos máis que vostedes en 14 anos  para resolver o problemón da débeda, “é normal que estean nerviosos”, pero teño unha boa nova para Galiza e mala para o Partido Popular. As nosas xestións permítenos  “incrementar a capacidade de gasto en 209 millóns de euros e mobilizar case 2 mil millóns para recompoñer o orzamento ao servizo das maiorías sociais e da transformación económica.

Hoxe, indicou Presas,  tamén presentamos alternativas de gasto e para iso incluímos “54 propostas estratéxicas” para dar un xiro de 180º  á  economía galega para que o noso país sexa máis “inclusivo, innovador, produtivo, feminista e con mellores servizos públicos”.

Propostas fronte á crise

Nesta liña, propoñemos  impulsar una Plan de Vidas Dignas, recuperar a tarxeta básica e impulsar unha renda galega de inserción laboral. Aumentar as pensión non contributivas en máis de mil euros ao ano, bolsas anticrise no ensino para familias con rendas menores a 12.000 € anuais e un Plan Abeiro para acoller a persoas migrantes e refuxiadas de crises económicas e bélicas.

Fortalecer e mellorar a Sanidade e Educación  

Hoxe Galiza está á cola en gasto por habitante, explicou a deputada o BNG e afirmou que por moito que se empeñe o PP en disfrazalo, a situación da sanidade é unha preocupación no día a día dos galegos e galegas. Neste ámbito tamén presentamos unha batería de medidas como: o relevo de persoal, eliminación das listas de espera, impulsar a saúde mental, habilitar prazas de MIR e “un novo modelo de Atención Primaria”.

Fortalecer as políticas sociais

O goberno que ía ter 7 residencias públicas nas cidades no 2016 ten exactamente cero e só propón medidas para subarrendar a función do sistema público. Fronte isto, presentamos unha alternativa, “un novo modelo de residencias para garantir unha vez digna”.

Dereito a vivenda e Igualdade

Non deixaremos de insistir en que a loita contra a violencia machista ten que ser unha prioridade e hai que dedicar 1 de cada 100 euros, “130 millóns de euros aumentar os CIM, incrementar a dotación do IMELGA e impulsar medidas concretas contra a desigualdade en ámbitos desatendidos coma o Deporte.

Ciencia e a innovación como centro de gravidade

O ámbito da ciencia é unha prioridade para o BNG e neste sentido propoñemos “un Pacto galego pola ciencia” destinando o 3% do orzamento. Ademais de apostar fortemente pola innovación na madeira e na construción así como fomentar a actividade tecnolóxica e industrial para que o  sector chegue ao 20% do PIB de Galiza no ano 2026.

A deputada do BNG concluíu a súa intervención urxindo ao goberno a impulsar o medio rural co “Plan monte vivo ou a Plataforma AGROMAR de comercialización” ao que sumou a recuperación das rías.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG