parlamento galego

Pontón, convencida de que son os últimos orzamentos de Rueda antes do goberno do cambio liderado polo BNG

Ana Pontón
Ana Pontón

Son as contas electoralistas dun PP desesperado por manterse no poder que pensa que pode comprar o voto dos galegos e das galegas con cheques, denuncia

“Pensan que a xente moza que non pode pagar un aluguer está pensando no seu cheque para facer un cruceiro polo Mediterráneo?”, interpelou

Alternativa BNG: política fiscal xusta, reforzo dos servizos públicos, medidas ante a crise, novo modelo produtivo e preservación do territorio

A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou que as contas públicas de  2024 demostran que estamos ante un Goberno do PP “esgotado, incapaz de mellorar a vida das persoas nin de resolver os problemas do País” e mostrouse convencida de que estes son “os últimos orzamentos do PP e do señor Rueda antes de dar paso ao cambio galego que dende o BNG imos liderar”.

Pontón sinalou a lei de acompañamento “máis abusiva e fraudulenta da historia” como unha proba máis de que os populares están no tempo de desconto e queren deixar todo “atado e ben atado”. “Saben que o cambio galego está en marcha, imparable, e por iso pisan o acelerador do espolio en favor do lobby eléctrico, da privatización e dos recortes, con políticas que benefician a unha minoría fronte á maioría”, reprochou.

A líder nacionalista criticou no seu debate parlamentario unhas contas públicas trufadas de “electoralismo” por parte dun PP “desesperado por manterse no poder”. “Tan desesperado que o señor Rueda leva dous meses repartindo cheques como se pensara que pode comprar o voto dos galegos e as galegas e xa lle digo que non, que a xente deste País non se vende por un cheque”.

Incidiu en que os presupostos do PP non dan solucións aos verdadeiros problemas das familias, da xente moza e da clase traballadora.

“Non queren que o señor Rueda gaste os seus impostos en repartir cheques para comprar unhas deportivas ou para facer turismo, o que queren os galegos e as galegas é ter salarios dignos que lles permita pagarse as súas compras, o seu ocio e as súas vacacións”, recalcou, “queren poder chegar a fin de mes, con empregos estables e salarios decentes, servizos públicos de calidade, acceso á vivenda, que a mocidade non teña que emigrar e que as persoas maiores poidan desfrutar dunha vellez tranquila”.

“De verdade pensa o señor Rueda que a xente moza que non pode pagarse un aluguer e emanciparse ten algún interese no seus cheques para facer un cruceiro polo Mediterráneo?”, interpelou, denunciando a falta de respecto deste Executivo ante os problemas reais da maioría social. 

Perda no medio rural, a industria e os servizos públicos

“Esa é a realidade do País que non se resolver con cheques electoralistas”, recriminou, para advertir a continuación que as contas públicas para 2024 que só valen para agudizar a crise demográfica, perpetuar o abandono do rural, seguir perdendo peso industrial, acelerar a depredación do territorio e o medio ambiente para favorecer ás grandes multinacionais, consolidar unha política fiscal inxusta que favorece aos máis ricos e seguir regando con cartos públicos tanto á sanidade e á educacións privadas, como ás residencias privadas da terceira idade.

Neste sentido, reprobou a un PP incapaz de construír un soa residencia pública en 14 anos, o mantemento do modelo privatizado co que multinacionais e fondos voitre fan caixa coa vellez, nuns orzamentos que tampouco reverten os recortes en Atención Primaria, pese a que Galiza está á cola en gasto por habitante.

“Desde 2009, recortaron 2.193 M€ en Atención Primaria e só para compensar o IPC, estes orzamentos deberían contar con 473 M€ para ter o mesmo orzamento real que nese exercicio 2009”, afondou, para acusar a continuación ao Executivo de Rueda de manter a precariedade e o abuso laboral na sanidade, anunciando prazas que non son novas, senón que estabilizan as que xa existen, e mantendo o plus de exclusividade a quen tamén traballa na privada.

Logo de advertir que estes presupostos tampouco contribuirán a reducir as longas listas de espera para afrontar “o drama da saúde mental”, Pontón puxo o foco na educación pública, que tampouco ve revertidos os recortes sufridos nos últimos anos, pero si ve como aumentan os fondos para os centros privados, con 325 M€, ao mesmo tempo que o PP conxela as bolsas universitarias en plena crise de prezos ou se nega a recuperar a gratuidade dos libros de texto.

Nin unha soa medida contra a inflación

A portavoz do Bloque centrouse no ámbito económico duns orzamentos nos que non se recollen nin unha soa medida contra a inflación para axudar ás familias, a isto sumou o desleixo aos sectores produtivos e que as contas non mudarán un mercado laboral lastrado pola temporalidade, a parcialidade e os baixos salarios, que perde poboación activa ocupada mentres se deixa sen executar 497 M€ só entre 2019 e 2020.

Criticou que estas contas manteñen a Galiza á cola en ciencia e innovación, non ofrecen “nada” á xuventude, facilitan a depredación do territorio e en materia de vivenda só ofrecen propaganda.

De igual xeito, recriminou á Xunta que teña “a cara dura” de anunciar que estes son os presupostos da débeda cero, logo de triplicar a débeda pública e situala nas cotas máis altas da historia, con 14.156 M€, o que supón 5.243 euros por habitante, e cando o pago da débeda aumentará en 2024 un 71%, a terceira partida de gasto máis alta.

Outra Galiza é posible: a alternativa do BNG

Pontón defendeu “outra Galiza posible” coas alternativas do BNG, que pasan polo desenvolvemento dunha política fiscal que cumpra o principio básico de que pague máis quen máis ten (o que achegaría uns ingresos adicionais de 209,5 M€) e a reorientación de 1.734 M€ do gasto.

As liñas estratéxicas do “goberno do cambio” que o BNG aspira a presidir, estrutúranse sobre catro grandes eixos: o reforzo dos servizos públicos e as políticas de igualdade; o avance en dereitos e na solidariedade nun momento de crise; o desenvolvemento dun novo modelo produtivo e a preservación do territorio e a loita contra o cambio climático.

Neste contexto, o Bloque recolle medidas como o reforzo con 250 M€ da Atención Primaria, 55 M€ para atender aos nenos e nenas con necesidades educativas especiais ou 90 M€ para poñer en marcha un novo modelo de residencias de xestión pública.

A isto suma, entre outras medidas, a posta en marcha dun Pacto galego galego pola ciencia dotado de 300 M€, un Plan Vida Digna, con 60 M€ que permita recuperar a tarxeta básica de alimentos e medicinas e unha renda galega de inserción laboral, 40 M€ para aumentar o tramo autonómico das pensións non contributivas, 1.050 euros máis ao ano fronte aos 14€ do PP, ou 25 M€ para bolsas anticrise para o curso escolar para as familias con rendas per cápita inferior a 12.000 euros/ano.

“Sei que o PP vai actuar coa súa habitual prepotencia e rexeitarán todas as propostas do BNG, pero os galegos e as galegas van ter a oportunidade de falar nas urnas moi pronto, e se me dan a súa confianza, prometo que como presidenta vou mellorar estes orzamentos para, a través deles, mellorar as súa vidas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG