O BNG abstense na votación do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca ao non recoller as demandas da pesca artesanal galega

delegación Pesca 1
delegación Pesca 1

Ana Miranda critica que o Pleno do Parlamento Europeo non fóra máis alá do informe aprobado na Comisión de Pesca de marzo

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamenta que o informe do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, votado hoxe na sesión plenaria da Eurocámara, non inclúa a definición proposta polo Bloque de definición da pesca artesanal e contemple o abanico de criterios expresados en Bruxelas por representantes do sector. En consecuencia, dado que nos Trílogos non se avanzou para que a definición recolla as características da pesca artesanal galega e que non se recolleran outras demandas máis sociais, a posición de Miranda foi finalmente de abstención na votación.

Para a eurodeputada do BNG, a definición da pesca artesanal debería ter en conta as peculiaridades específicas do sector galego e aspectos clave como son as artes de pesca e o seu impacto no ecosistema mariño, o tempo de permanencia no mar, o número de tripulantes das embarcacións, así como o impacto económico do sector nas poboacións costeiras.

A eurodeputada galega valora positivamente que a Comisión cree un novo programa para a pesca artesanal con fondos propios como pediu o BNG -e por iso votou en marzo a favor do informe na Comisión de Pesca- máis considera que “tería sido máis inclusivo para o sector pesqueiro artesanal e do marisqueo galegos se a definición fose máis ampla”. Ademais, entre as propostas do BNG figuraba a diferenciación entre a acuicultura extensiva e a intensiva, “co obxectivo de que as futuras axudas do FEMP non vaian para as macro piscifactorias”, sinalou.

Ana Miranda tamén explica a súa abstención en tanto que non se incluíran as axudas á renovación para a modernización dos motores nin se inclúe o aumento de días que se teñen en conta para valorar as compensacións dos salarios dos traballadores e traballadoras do mar polas paradas. Segundo explicou, “estas eran cuestións prioritarias para a pesca galega, xa que era unha forma de axudar á pequena frota artesanal e incrementar a seguridade no mar”.

Denominacións de orixe

Outro aspecto que motivou que o Bloque non dera o seu voto a favor ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca ten que ver coa non inclusión do recoñecemento e rexistro de Denominacións de orixe protexidas, cuestión que si estaba contemplada na Comisión de Pesca do pasado mes de marzo e resultara ser unha das demandas do sector pesqueiro galego na súa xornada de traballo no Parlamento Europeo, celebrada o pasado mes de outubro.

“Lamentamos que a fase final do novo FEMP, que tivo como relator o deputado popular Gabriel Mato non afondara nas suxestións propostas polo BNG para defender o sector pesqueiro galego”, destacou Ana Miranda.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG