Unha candidatura renovada para unha cidade bimilenaria que se fixa como obxectivo darlle a veciñanza de Lugo un Concello transparente e democrático desde o que se desenvolvan con honestidade políticas a favor da xente. Así o explicou Ruben Arroxo, que encabeza a lista BNG-Asembleas Abertas para as eleccións de maio, no acto de presentación do primeiro tramo da candidatura.
Presentámonos en base a unhas cuestións moi claras: queremos un concello aberto á cidadanía, democrático, transparente onde calquera poda participar e traballar por un Lugo mellor. Queremos políticas a favor da xente, con servizos públicos de calidade e sistema fiscal onde aporte máis que máis ten, explicou Arroxo.
Arquitectónico técnico de profesión, Arroxo (29 anos) salientou que pertence ao que se chama a xeración máis preparada da historia, pero tamén a máis estafada e que, xunto co resto das persoas que integran a candidatura, participou en momentos sociais a favor da xente do común. Non temos tarxetas black, senón os mesmo problemas que calquera nesta cidade, subliñou.
O candidato de BNG-Asembleas Abertas salientou o potencial de Lugo, cun centro histórico envexable pero desaproveitado ou un rural abandonado. Somos a alternativa ás dúas opcións prehistóricas que se presentan neste concello, proclamou, e traballaremos para resolver os problemas da xente e ter un Lugo mellor,
Arroupando a presentación, o portavoz nacional, Xavier Vence, valorou as achegas do Bloque á cidade ao longo de anos de traballo político. Temos contribuído á transformación, modernización da cidade e dinamización cultural, loitando pola transparencia, pola democracia e contra a corrupción desde as institucións municipais, indicou.
Vence amosouse convencido de que a veciñanza de Lugo quere substituír a aqueles poderes que teñen sumido á cidade nunha situación que matou todas as ilusións, cunha alternativa encabeza por Arroxo que representa o contrario: Unha candidatura de ilusión para o futuro fronte a eses espíritos desgastados que hoxe campan pola cidade de Lugo.
Municipais, punto de inflexión
O Bloque, dixo, quere converter os concellos en exemplos de xestión honesta e transparente, como xa demostra alí onde ten responsabilidade de goberno. Considera que as eleccións municipais serán un punto de inflexión no que a cidadanía rebelde vai poñer freo as políticas de recortes do PP, porque non está disposta a aceptar este deterioro do país.
Ofrecémoslle esta candidatura como alternativa, subliñou, fronte a un PP que deteriora servizos públicos, como proba o incumprimento de dotar ao HULA dos servizos sanitarios de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica.
Neste sentido, Vence cualificou de escándalo o papel do parlamentario e portavoz popular en Lugo, Jaime Castiñeria, que se destapou como o defensor de demorar a posta en funcionamento de todos eses servizos médicos como prometera Feijóo e a conselleira Mosquera hai moito tempo.
Arroxo e Vence salientaron o traballo político de Paz, Antón e Cristina, que loitaron polos intereses da veciñanza desde o grupo municipal do BNG, e tamén o compromiso de todas as persoas, militantes e independentes, que se sumaron a candidatura para maio de 2015 e que tamén interviron na presentación.
Marta Rodríguez Engroba, número 8 da candidatura, traballa na axuda á asistencia ás mulleres vítimas de violencia de xénero e apuntou que para o BNG a loita contra a violencia de xénero é unha realidade, non unha promesa máis.
Felipe Rivas, número 7 da candidatura, titulado en electrónica, salientou o seu traballo nos movementos sociais porque, dixo, son desempregado, pero non parado.
Esther Gómez Fórneas, número 6 da candidatura, profesora da USC. Sinalou que a súa motivación para participar na candidatura é a clara defensa do medio ambiente por parte do BNG.
Daniel Cabana, número 5 da candidatura, funcionario do Estado autodefiniuse como fillo de labrego da Terra Chá. Non son afiliado pero estou nesta candidatura por que en todos os problemas estivo o Bloque con coherencia e firmeza.
Antón Somoza, número 3 da candidatura, doutor en humanidades, salientou que aspira a que a programación cultural do concello poña en valor o noso patrimonio material e inmaterial en colaboración co asociacionismo cultural de base, cun país que aspira sexa soberano.
Maite Ferreiro Tallón, número 2 da candidatura, desempregada lembrou que a candidatura que hoxe presentamos é o resultado das propostas feitas por veciñas e veciños de Lugo nas distintas asembleas abertas. Queremos conseguir un Lugo máis humanizado, cunha sociedade máis xusta e igualitaria, orgullosa de ser galega.