Xerais 2023

Ana Pontón: “O voto ao BNG é un voto orgullosamente galego”

A Coruña
A Coruña

Coller a papeleta BNG “é unha declaración de principios e sentimentos, é dicir nin un paso atrás na defensa da nosa lingua e da nosa cultura”

Agora que Madrid “descobre” ao candidato Feijóo, lembra que chegou á Xunta cabalgando sobre unha gran mentira contra o galego

Néstor Rego pide o voto ao Bloque para defender as conquistas sociais e seguir avanzando nos dereitos e liberdades da maioría cidadá do País

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o acto na Coruña co cabeza de candidatura, Néstor Rego, e con persoas ligadas ao mundo da acción cultural para pedir o apoio para o BNG,.apelando ao “orgullo do noso”: “O voto ao BNG é un voto orgullosamente galego, libre e sen complexos, en defensa do noso, sen privilexios, pero con xustiza e igualdade”, proclamou.

Un acto co que a formación nacionalista quixo escenificar o orgullo que senten os  galegos e galegas pola nosa cultura e pola nosa lingua, - “falémola ou non”-, e que coller a papeleta do BNG é a mellor maneira de defendela fronte a un PP cada vez máis ultra, man a man cunha extrema dereita antigalega que espalla “censura e odio” mesmo cuestionando a lingua que nos une.

“Este 23X é o momento de dicir que somos orgullosamente galegos e galegas co voto ao BNG, que sentimos orgullo do noso, da nosa cultura e da nosa lingua, falemos galego ou non, pero con orgullo de ter un idioma propio que herdamos das nosas avoas e dos nosos pais e que queremos que falen os nosos fillos e fillas. Este 23X votar BNG é dicir que somos orgullosamente galegos e galegas”, declarou  Pontón.

A líder nacionalista denunciou que o PP que leva catorce anos como terminator do idioma e da cultura, lembrando que, -“agora que en Madrid descobren as mentiras de Feijóo”-, o candidato popular xa chegou á Presidencia da Xunta “cabalgando sobre unha gran mentira contra o galego”. Despois veu o “decreto da vergoña” que marxina ao idioma  propio no ensino e que baixo a coartada do plurilingüísimo “o único que logra é aumentar o monolingüísmo en castelán”.

Pontón tamén denuncia como caeu “en picado” o apoio ao libro e como os creadores e as creadoras na música, no audiovisual, no dixital, no teatro, en todos os eidos, reciben un trato de segunda na programación cultural do PP, pese a que gasta cifras millonarias.

Por iso, explicou, votar BNG o próximo domingo “é unha toda unha declaración de intencións, de principios e de sentimentos, é dicir nas urnas que non imos permitir nin un paso atrás na defensa da nosa identidade, da nosa cultura, da nosa lingua e un voto de orgullo polo noso”.

O orgullo que sentimos, dixo, cando soan As Tanxugueiras; cando vemos a Ponte de Rande chea de persoas cantando o himno dun equipo centenario, cando a literatura de Manuel Rivas, de Ismael Ramos ou de Ledicia Costas se traducen a ducias de idiomas ou cando vemos como Matria é ovacionada en Berlín.

“E non imos permitir que un PP ultra gobernando coa extrema dereita antigalega nos rouben ese orgullo, que nos rouben o noso idioma e a nosa cultura. Queremos unha Galiza libre, inclusiva, diversa, orgullosa da nosa lingua e cultura e para iso tamén pido encher as urnas de papeletas BNG este 23X, para dicir alto é claro que estamos orgullosas de ser galegos e galegas”, concluíu no acto da Coruña.

Un muro contra a involución do PP e os ultras

Un acto no que o cabeza de cartel pola Coruña, Néstor Rego, pediu aos galegos e galegas que dean co seu voto a forza que o BNG require para frear con firmeza á dereita, defender as conquistas sociais feitas e seguir avanzando nos dereitos e liberdades que benefician á maioría social do País fronte á involución.

“Quen para, cae”, advertiu o candidato, e por iso “é necesario continuar recuperando dereitos que se trasladen ao BOE e non sexan só declaracións de principios”, dixo, aludindo a derrogación íntegra da reforma laboral ou da lei mordaza, á mellora das pensións ou ao remate da impunidade do franquismo, todas cuestións polas que o BNG dará a cara no Congreso.

O candidato pola Coruña defendeu a urxencia de construír un muro de contención contra a dereita e a extrema dereita para avanzar co orgullo dun País que, lembrou, mobilizouse para conquistar dereitos feministas, LGTBI e en defensa do seu idioma e a súa cultura. Dereitos ameazados agora por un PP do que “xa sabemos por experiencia que só vale para provocar retrocesos sociais na lingua ou no feminismo”, pero que agora “é máis perigoso aínda se vén da man da ultradereita que nos nega como pobo”. “Temos que poñer freo a calquera involución en dereitos e na defensa dos avances sociais!”, cominou finalmente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG