Ana Pontón: “O PP debe escoitar á cidadanía que está na rúa defendendo a sanidade pública con dignidade e corazón”

Manifestación Sanidade
Manifestación Sanidade
“Nesta  xornada histórica os galegos e as galegas están poñendo de manifesto que coa súa saúde non se xoga”, destacou a líder nacionalista

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu esta mañá á manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela para defender o dereito á saúde dos galegos e das galegas.

Na súa intervención, a líder do BNG cualificou este día como “unha xornada emocionante e histórica, na que miles de persoas cargadas de razón e coa forza do corazón se xuntan para dicirlle ao PP que non siga xogando coa súa saúde”.

O PP converteuse nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas

A portavoz nacional explicou que os plans do BNG sempre vai estar do lado da cidadanía, “tanto na rúa como nas institucións” fronte a “un Partido Popular que se converteu nun perigo para a saúde dos galegos e as galegas”. “Basta xa de recortes, basta xa de listas de espera interminables en atención primaria, basta xa de precariedade co persoal que nos coida e ao que nós tamén temos que coidar”, engadiu.

Manifestación SOS Sanidade Pública - 2
Manifestación SOS Sanidade Pública

Pontón puxo de manifesto que “coa saúde do País non se xoga, porque é o que diferencia unha sociedade avanzada dunha que non o é” e instou ao PP a escoitar a “unha cidadanía con conciencia, dignidade e valentía que lle está dicindo “non” aos trece anos de recortes do seu Goberno”.

“A sanidade pública é unha das grandes conquistas sociais que temos como sociedade. Queremos que nos pidan a tarxeta sanitaria e non a bancaria así que, coa nosa saúde, nin un paso atrás”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG