xerais 2023

Ana Pontón pide un apoio masivo ao BNG porque é un voto que vale dobre: para defender Galiza e para frear ao PP de Feijóo

Carme da Silva, Ana Pontón e Xoán Reices
Carme da Silva, Ana Pontón e Xoán Reices

Non é momento de votar polo mal menor, senón coa cabeza e co corazón en Galiza, sabendo que cada escano máis do BNG, é un menos do PP

Carme da Silva defenderá no Congreso un Deza sen espolio eólico que coide o seu patrimonio cultural como a rapa e mellorar as infraestruturas

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin na Estrada para resaltar unha das principais mensaxes de campaña da formación que lidera: a alternativa ao PP en Galiza é o BNG, e instou aos galegos e ás galegas a votar con ilusión sabendo que a papeleta do BNG vale dobre, para defender Galiza e para frear a Feijóo enchufado á extrema dereita.

“Dígovos que non é o momento de votar con medo nin polo mal menor, ao contrario, pídovos que votedes con ilusión enchendo as urnas de papeletas ao BNG sabendo que o voto ao Bloque vale dobre: para defender Galiza en Madrid e para pararlle os pés a un PP cada vez máis ultra aliado desa extrema dereita antigalega”, destacou.

Pontón subliñou que en Galiza a alternativa real ao PP é o BNG, ao que lle disputa escanos nas catro provincias, “cada escano máis do BNG é un menos para o PP, en Galiza, canto máis BNG, menos PP!”, proclamou. Durante o mitin, a líder do Bloque foi “desmontando” a Feijóo contrapoñendo o que di en campaña co que fixo en Galiza.

“Aquí coñecemos moi ben que pasa cando goberna o PP: menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”, subliñou, sintetizando o resultado das políticas dun Partido Popular “que nos deixa unha Galiza máis pequena”.

Un Feijóo, denunciou, que quere gobernar coa extrema dereita machista, racista, “e profundamente antigalega, que quere acabar coas nosas institucións, até prohibirnos falar a nosa lingua, pero non llo imos permitir”, denunciou. A mellor maneira de frear esta involución é votar BNG e colocar no Congreso un grupo galego forte, “orgullosamente” galego, reiterou. Para conseguilo apelou a todas as persoas que xa votaron Bloque tanto nas eleccións galegas como nas municipais.

Acto A Estrada
Acto A Estrada

“Pídovos que este 23 de xullo volvades confiar no BNG porque con ese voto darémoslle a Galiza un grupo forte en Madrid, fagámolo posible!”, proclamou Pontón, quen salientou que moitas veces escoita falar con eloxio sobre o papel que xogan vascos e cataláns no Congreso, “non porque sexan máis hábiles na negociación, senón porque teñen forzas nacionalistas con grupos propios e usan esa forza para mellorar a calidade de vida dos seus pobos. Iso é o que queremos facer no BNG cun grupo galego forte, non para ter privilexios senón xustiza ante unhas forzas estatais que sempre discriminan a este País”.

Este é o momento de Galiza, o momento do BNG, “sabendo que nós non imos fallar nin na defensa do País, nin na defensa dos dereitos e liberdades ante un PP cada vez máis ultra”, concluíu.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, destacou a necesaria paralización do “timo verde” que na Estrada implican os proxectos de Porto Vidros e de Campo das Rosa, “espolio depredador” que mesmo impacta na emblemática rapa das bestas, de interese turístico internacional, así como ao patrimonio natural e cultural da zona.

Asegurou que loitará no Congreso contra ese espolio das forzas do bipartidismo, PP e PSOE, empeñadas en converter Galiza en “colonia enerxética de Madrid” e sempre ao servizo das eléctricas. Neste sentido, defenderá un modelo enerxético propio e recuperar as garantías ambientais e a participación cidadá na implantación de proxectos eólicos, así como someter a revisión os parques aprobados e paralizar os máis lesivos.

Da Silva tamén pediu o voto da veciñanza para poder defender con forza a variante da N-640 sen danar o Castro de Anguións e dotar de seguranza viaria o treito máis urbano da vía estatal que arrastra un alto índice de sinistralidade, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG