Parlamento Galego

Ana Pontón: “É necesario un acordo de País que se constrúa coa sociedade galega”

Ana Pontón
Ana Pontón
Insta a Feijóo a chegar a un acordo que non se conciba desde a rutina para saír da crise sanitaria e económica

A portavoz parlamentar Ana Pontón, na quenda de réplica do debate de Investidura, destacou que a principal preocupación do BNG é “sacar adiante o País da principal crise sanitaria e económica das últimas décadas” coa vontade de poñer por diante os intereses de Galiza. “É necesario un acordo de País que se constrúa coa sociedade galega”, afirmou.

Deste xeito, defendeu un acordo “que non se conciba desde a rutina dun Goberno que elabora un plan, o remite ao Parlamento e usa a súa maioría absoluta para aprobalo”, porque é necesario un acordo de país que se constrúa coa sociedade galega e instou a Feijóo a recoñecer “que a sociedade galega é plural, con visións diferentes de como debe articularse o futuro, e temos a responsabilidade de traer aquí esas diferentes alternativas e buscar aqueles puntos de encontro que permitan avanzar”.

Emprazou a Feijóo a “non ir a piñón fixo” porque as propostas veñan da oposición porque para construír un acordo de país á altura desta situación é necesario fuxir da rutina e ter en conta distintos referentes da sociedade galega como partidos políticos, sindicatos, asociacións empresariais, universidades, concellos e os sectores máis dinámicos da sociedade galega teñan un foro onde traballar polo ben do país, defendeu. “É necesario salvagardar a vida e a saúde das persoas e o futuro económico deste país”, engadiu.

Destacou tamén que ao BNG lle preocupa que no medio da pandemia o PP non recoñeza as cuestións que se fan mal “porque eses erros os pagarán galegos e galegas pola súa falta de autocrítica”.

Na intervención fixo alusión á “distorsión da realidade” no discurso de Feijóo sobre os datos de emprego, no percorrido para conseguir a devolución do Pazo de Meirás, nos recortes de 2.000 millóns de euros en atención primaria, na precariedade das condicións de traballo do persoal sanitario e na redución do número de camas hospitalarias a respecto de cando entrou no Goberno da Xunta, segundo os datos do IGE. “Quen ataca a sanidade non é quen denuncia os recortes, é quen precariza as condicións de traballo do persoal sanitario”, explicou a portavoz parlamentar do BNG.

Ana Pontón advertiu de que neste país hai milleiros de persoas que teñen medo porque non saben que vai pasar co seu traballo, porque quizais desconfían que non poder seguir pagando as súas facturas, pola súa saúde, porque a poucos días do inicio do curso escolar non hai garantías para nenos e nenas ou porque teñen persoas maiores nunha residencia que son un colectivo de risco e necesitan protección por parte das autoridades sanitarias. “O noso reto e a maior responsabilidade que temos hoxe é darlle solucións a estes problemas que ten a cidadanía”, afirmou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG