Parlamento Galego

Ana Pontón propón un gran acordo de país con tres prioridades: axenda social, reactivación económica e a defensa dos intereses de Galiza ante o Estado

“No medio dunha pandemia necesítase un Goberno que se poña á fronte, xusto o contrario do que fixo Feijóo desde o Estado de Alarma”, afirma

A portavoz parlamentar do BNG, Ana Pontón, trasladou no Pleno do Debate da Sesión de Investidura propostas destinadas a impulsar unha axenda social, a reactivación económica e unha axenda para a defensa dos intereses de Galiza ante o Goberno do Estado “prioritarias á hora de conseguir un gran acordo de país” para afrontar a crise derivada da covid-19.

Cuestionou a intención de Feijóo “de enfrontar as consecuencias económicas e sociais da pandemia, coas mesmas promesas de sempre e con receitas vellas e caducadas”. Lembrou que o BNG xa no mes de marzo propuxo un gran acordo de País para sumar esforzos e defender a saúde e favorecer a reactivación económica e social. Deste xeito, emprazouno a que concrete sobre a comisión de reactivación no Parlamento, dun comité de expertos e diálogo social, nunha mesa onde estea o conxunto da sociedade galega, onde deben estar os sindicatos, o empresariado, as universidades, os concellos, profesionais da sanidade e os coidados e os sectores máis dinámicos da sociedade galega.

“No medio dunha pandemia onde está en xogo a saúde e a vida das persoas necesítase un Goberno que se poña á fronte, xusto o contrario do que o candidato Feijóo leva facendo desde que en marzo se decretou o Estado de Alarma porque gobernar non é esconderse, nin botar balóns fóra cando veñen mal dadas”, explicou. Cuestionou que Feijóo se empeñe en recentralizar competencias, como propuxo para o ámbito educativo en vez de exercer a súa responsabilidade desde o Goberno da Xunta.

Ana Pontón manifestou na súa intervención que o BNG vai facer unha oposición crítica pero propositiva, de rigoroso control ao Goberno pero de man tendida “porque son tempos de sumar, de dialogar, de negociar co convencemento de que esta debe ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza”. “Para o BNG, non son tempos de curtopracismo, de partidismos estériles ou de absolutismos cego e xordo cando está en xogo o futuro e está en risco a vida das persoas”, engadiu.

Grupo parlamentar e persoas convidadasAsí, no repaso da xestión da covid-19 lembrou que polo camiño quedaron, ademais das vítimas, moitos postos de traballo, pequenas empresas e negocios de persoas autónomas, ademais de ficar ao descuberto as consecuencias de dez anos de recortes nos servizos públicos básicos.

Creación dunha Comisión de Investigación sobre residencias

En canto á axenda social destacou a necesidade de incrementar recursos para reforzar a atención primaria, dialogar coa comunidade educativa para organizar a volta ao colexio de xeito seguro, intervir as residencias de maiores, destinar o 1% dos Orzamentos á loita contra a violencia machista e impulsar actividades de conciliación laboral e familiar. Deste xeito, adiantou que o grupo parlamentar do BNG levará ao primeiro Pleno do Parlamento a creación dunha Comisión de Investigación sobre a xestión das residencias, por respecto ás vítimas que teñen dereito a coñecer a verdade e para evitar cometer os mesmos erros.

Plan galego de reindustrialización

No apartados da reactivación económica, salientou a necesidade dun Plan de galego de reindustrialización que recolla a identificación e o impulso a sectores estratéxicos con grandes potencialidades de crecemento, como o da aeronáutica, agroindustria ou automoción, e que combata a deslocalización das actividades auxiliares da industria galega, ademais da necesidade de medidas extraordinarias para o persoal de Endesa nas Pontes e Alcoa en San Cibrao, xunto con alternativas para unha transición enerxética xusta e para a comarca da Mariña. Advertiu, ademais, de que resulta imposíbel avanzar cando a política industrial do PP son as portas xiratorias.

Insistiu na Tarifa eléctrica galega e en impulsar unha Lei de recuperación e explotación pública directa dos saltos hidroeléctricos de competencia galega, ademais de duplicar os fondos para I+D+i. Desenvolver unha estratexia específica para a priorización do peche de ciclos produtivos no país e para afrontar a prexudicial perda de galeguidade do tecido empresarial serán outros dos eixos que desenvolverá na súa intervención, xunto coa necesidade de reformular o Igape e apostar por unha banca pública galega. Sen esquecer o apoio dos nosos sectores produtivos como a pesca, agricultura e gandaría e cambio do modelo forestal, con Ence fóra da ría de Pontevedra, do Consello da Xunta, reclamou.

En canto á Axenda para a defensa dos intereses de Galiza ante o Goberno do Estado, fixo unha proposta de consenso a defender ante o Estado de cara á distribución dos 140.000 millóns de euros procedentes da Unión Europea e puxo énfase en reclamar un novo modelo de financiamento autonómico cun concerto económico que lle permita a Galiza xestionar o 100% dos seus recursos para conseguir máis de 1.500 millóns de euros cada ano. Do mesmo xeito que defendeu un novo modelo de financiamento local coa derrogación da Lei Montoro, para levantar o veto a que os concellos usen os seus aforros a favor da súa veciñanza e acabar coa discriminación que soportan os municipios deste país que reciben 50€ menos por veciño/a que a media do Estado.

O noso país debe aspirar a máis autogoberno

Reclamou a débeda en infraestruturas e completar a transferencia de competencias previstas no Estatuto como outros dos piares en que incidirá o BNG nesta lexislatura. Neste sentido, afirmou que o noso país debe aspirar a máis autogoberno, pois leva 10 anos sen unha soa nova competencia e iso debilita Galiza e a resposta ante a covid. “Solicitamos que en canto se constitúa o Goberno se active a comisión mixta de transferencias e unha ponencia para falar entre todos e todas sobre un novo marco institucional que lle dea a Galiza un novo estatus co recoñecemento de nación e poder político para protexer a sociedade galega”, destacou.

Ana Pontón animou a Feijóo a practicar a moderación no seu modelo para desconfinar o idioma galego e a cultura, “que é máis que un apéndice do turismo, ten entidade en si propia e debe coidarse e apoiarse como un elemento de cohesión social e de desenvolvemento”, no uso dos medios públicos, da CRTVG, como o seu particular gabinete de propaganda; no uso de fórmulas antidemocráticas e corruptas en relación coas mocións de censura aplicadas recentemente en diversos concellos; e para non apoiar os pactos con esa extremadereita que cuestiona os dereitos das mulleres.

Para rematar a intervención fixo referencia á sentenza xudicial sobre o Pazo de Meirás que recoñece o espolio realizado pola familia Franco e determina a devolución ao patrimonio público, logo das reivindicacións sociais e políticas que impulsaron este feito.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG