parlamento galego

Ana Pontón: “Galiza elixirá entre dúas opcións, ou un goberno do PP co que vai a menos ou un liderado polo BNG que lle dea futuro”

Ana Pontón e Olalla Rodil
Ana Pontón e Olalla Rodil

“Ou Rueda ou unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, afirma ante a próxima convocatoria electoral

A líder do BNG repasa o legado do PP: 635.000 persoas en situación de pobreza, 51.200 empregos menos e recortes en servizos públicos e benestar

Subliña que o PP deixa unha “Galiza máis pequena e peor que a que encontrou”, pese a contar con 14 anos e 170.000 millóns de euros

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirmou no Parlamento que os galegos e as galegas decidirán nas próximas eleccións entre dúas opcións: “ou seguir cun goberno do PP co que Galiza vai a menos ou cun goberno liderado polo BNG que vai traballar para devolverlle a esperanza e o futuro aos galegos e galegas”.

Así o asegurou nunha sesión de control parlamentaria na que se referiu ao “nerviosismo e preocupación” do PP co Bloque ante uns comicios nos que sabe que “hai unha maioría que quere cambio” e que é consciente de que vai elixir entre dúas únicas alternativas “en canto o señor Feijóo, ou quen llelo mande, porque é evidente que están teledirixidos desde a rúa Génova, lles autorice a convocar as eleccións”, espetou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

“Ou que vostede sexa elixido presidente ou que por primeira vez os galegos e as galegas teñan a unha presidenta coas mans libres para defender os intereses deste País, iso é o que está en xogo”, dixo a Rueda para incidir a continuación na "Galiza máis pequena" que deixa o Executivo do PP como legado en todos os ámbitos, “con menos sanidade e menos educación públicas, un modelo privatizado de coidados que fai negocio coa vellez e menos oportunidades para a xente moza”, non por culpa do País, senón “dun goberno que non está á altura dos galegos e das galegas e que nos está deixando atrás”.

Pontón criticou ao actual titular da Xunta que non teña “ningún balance que ofrecer” da súa xestión e se limite non só a criticar senón a “torpedear” o que consegue o BNG porque non soporta que sexa capaz de “facer máis por Galiza que vostedes”. “Ese é o seu problema, pero non é o problema dos galegos e das galegas que están convencidos e convencidas de que neste País hai que abrir unha nova etapa e en canto convoque, comprobarémolo”, retou a Rueda.

A líder nacionalista afeou á bancada do Partido Popular estar afeita “ás loas da TVG porque a teñen absolutamente manipulada” e non ao debate no Parlamento, onde “teñen que escoitar a verdade”, como é o balance de xestión que repasou con datos oficiais.

“O PP deixa unha Galiza peor da que encontrou e, sobre todo, deixa unha Galiza na que os galegos e as galegas viven peor”, afirmou sobre a situación actual do País, no que hai 635.000 persoas en situación de pobreza, coas segundas pensións máis baixas do Estado e un 20% dos maiores sobrevivindo con menos de 480 euros ao mes.

A portavoz do BNG tamén recriminou ao Goberno do PP a perda de emprego nos sectores produtivos, que se concretan en 28.300 postos de traballo destruídos na industria e 22.900 no agro e na pesca e a desaparición de 22.500 autónomos e 4.127 empresas. “Onde están os seus grandes proxectos estratéxicos, señor Rueda?”, cuestionou ao titular da Xunta, ao que reprochou non contar “cun só proxecto económico, cun só proxecto industrial de calado que puxera en marcha”.

Ademais de ter a Galiza situada á cola en ciencia e investigación, Pontón tamén recordou o legado de Rueda para a xente moza e que sintetizou en “emigración masiva, vivenda inaccesible, precariedade e salarios cos que non chegan a fin de mes”.

A todo isto sumou o “récord difícil de superar” de 0 novas competencias acadadas en 14 anos de xestión, un modelo de financiamento asinado polo PP que discrimina a Galiza e unha débeda pública multiplicada por tres mentres se recortaba en servizos e benestar social.

Por último, criticou a Rueda a “vergoña” de ser o presidente que chegou ao goberno manifestándose en contra do galego da man dos sectores máis ultras e votando en contra do galego no Parlamento, ou de deixar a Galiza cunha “peor calidade democrática”, cunha utilización da TVG “que é un auténtico escándalo” e na que ao presidente da Xunta e candidato do PP “só lle falta por aparecer en Luar”.

Segundo resumiu Pontón, este é o legado dun “presidente accidental” baixo a “submisión a Madrid” e que “non goberna a favor dos galegos e das galegas senón das eléctricas, da banca e das empresas amigas do PP”. “E aí está o resultado, unha Galiza peor da que encontrou”, pese a “ter á súa disposición máis de 167.000 millóns de euros”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG