Ana Pontón critica o galimatías de normas da Xunta e pídelle a Feixóo claridade

Pide planificar o proceso de vacinación para non repetir erros e reforzar dunha vez os centros de atención primaria onde se aplicará a vacina COVID

A vista da evolución da pandemia,  a portavoz nacional, Ana Pontón, traslada a preocupación do BNG pola tendencia á alza dos datos: soben os contaxios, sobe a presión hospitalaria, -tanto por ingresos como por persoas en UCI-, e seguen os falecementos diarios por coronavirus.

“Con estes datos é intolerable que a resposta da Xunta sexa un galimatías de normas que cambian cada día, algunhas contraditorias, cando o que pide a cidadanía é ter indicacións claras que lle permitan saber como actuar para coidarse e como coidarse en familia para minimizar os riscos de contaxio. Por iso, o que lle pedimos ao Goberno de Feixóo son normas claras para evitar a terceira onda”, salientou Pontón.

Para a líder nacionalista, “non é de recibo que Feixóo descargue todo na responsabilidade individual e, por riba, non aporte indicacións claras e comprensibles de como actuar”, recriminou.  E tampouco pode o Executivo do PP “ser timorato nas medidas”, senón que debe poñer a saúde dos galegos e das galegas como primeiro obxectivo. “Non se trata de salvar o Nadal, senón de que poidamos pasar moitos nadais xuntos e xuntas”, subliñou.

Neste sentido, insistiu en reforzar os rastrexadores, en reforzar os cribados con probas PCRs e reforzar a atención primaria, sobre todo agora que van ser estes centros os que asuman a vacinación.

E precisamente en relación ao proceso de vacinación, Pontón instou ao presidente da Xunta a non repetir os erros do pasado: “que non improvise, que se anticipe e que prepare un plan de continxencia que permita unha vacinación ordenada e planificada”. O que sería “gravísimo”, afondou, é “converter a vacinación nunha carreira para ver quen se colga medallas, -como se fixo na desescalada-, ou utilizar a vacina como un elemento de confrontación partidista. A saúde das persoas, máxime nunha pandemia, debe ser a única prioridade”.

Pontón concluíu pedindo a toda a cidadanía “extremar as precaucións” e non deixarse levar “pola falsa seguridade que pode dar a proximidade do proceso de vacinación”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG