Ana Pontón considera “un primeiro paso, pero insuficiente” as medidas anunciadas por Feixóo para frear a pandemia

Ana Pontón
Ana Pontón

Insiste en que as cifras de contaxio e de falecementos requiren medidas máis contundentes como as adoptadas por Alemaña con menos impacto da COVID19

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, considera as medidas anunciadas polo presidente da Xunta “un primeiro paso pero insuficiente” de cara a frear a expansión da pandemia con cifras de contaxios e de persoas falecidas en progresivo aumento, que confirman a oportunidade da reclamación do BNG de adoptar medidas drásticas e contundentes para loitar contra o descontrol do virus, como o confinamento.

“Temos record de contaxios e de falecementos e as medidas adoptadas até agora non logran frear a expansión da pandemia”, recalca a líder nacionalista. Pontón tamén fai unha segunda valoración sobre as medidas que afectan ao sector da hostalería, para o que si se decreta un confinamento pero ter habilitado axudas.

“Feixóo vai confinar á hostalería sen axudas o que deixa a miles de familias nunha situación de incerteza porque ven como se pechan os seus negocios, o seu medio de vida sen que haxa compensacións económicas sobre a mesa, nunha proba máis da improvisación e da falta de anticipación coa que está actuando o Goberno galego oito meses despois da chegada da pandemia”.

“O que agardamos no BNG, -alegou-, e que dentro dunha semana non teñamos que chegar á conclusión de que se perderon días importantes para atallar o coronavirus en Galiza á vista de que hai outros países, como por exemplo Alemaña, que está adoptando medidas moito máis claras e contundentes cun nivel de contaxios e de afectación do virus menor que o que soportamos neste país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG