O BNG está a disposición do Goberno para colaborar en todo o necesario ante a crise do coronavirus

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón: “é o momento de mandar unha mensaxe de unidade á sociedade galega e de traballar man a man ante unha situación excepcional”

A líder nacionalista pide a Feixóo que convoque @s responsables das forzas políticas: “o teléfono do BNG está aberto ás 24 horas”

O BNG está a disposición do Goberno para colaborar en todo o necesario ante a crise do coronavirus

A portavoz nacional, Ana Pontón, compareceu de urxencia ante os medios de comunicación para trasladar ao Goberno galego a total disposición do BNG a traballar man a man e a colaborar en todo o necesario para atallar a situación excepcional creada polo coronavirus e conseguir saldar a crise da mellor maneira posible para o país.

“Creemos que unha  mensaxe de unidade é a mellor mensaxe que se lle pode enviar a sociedade galega neste momento”, sintetizou.

Nun contexto no que milleiros de persoas están preocupadas e se preguntan como vai afectar a situación á súa vida diaria na saúde, no ámbito educativo, laboral, económico, ou mesmo nas súas relacións sociais e familiares, “o BNG non vai contribuír a xerar ningunha alarma”.

Por contra, recalcou Pontón, “pensamos que é momento de unir vontades, de traballar cóbado con cóbado e por iso poñémonos a disposición do Goberno para colaborar en todo o que sexa necesario para conseguir o obxectivo de minimizar o impacto do coronavirus”, explicou, ao tempo que destacaba “a total disposición para colaborar co Goberno en todo o  que sexa necesario para frear esta crise e que sexa un éxito sanitario e de país”.

É necesaria información e criterios de actuación claros e precisos. Debe ser o Goberno galego, entende o BNG, quen defina unha liña de actuación coherente para todas as situacións, con transparencia e con criterios técnicos e científicos contrastado.

“Colaborar e unir esforzos foron as razóns que nos levaron a pedir a comparecencia do Goberno no Parlamento, para dar información da situación en todas as súas facetas”, indicou a líder nacionalista, quen ante a rápida evolución dos feitos e o aumento da preocupación social considera necesario dar un paso máis.

Por iso, sinalou, “diríxome ao presidente da Xunta  para que, nesta situación excepcional, convoque coa máxima urxencia aos líderes das forzas políticas para informar sobre as liñas de actuación que está a implementar e poñer en común análises e propostas a curto, medio e longo prazo. Se pode ser hoxe, mellor que mañá, o teléfono do BNG está aberto as 24 horas do día”, enfatizou.

Pontón deixou claro que non se trata de “exixir responsabilidades políticas, senón responsabilidade coa sociedade á que nos debemos todas e todos” e, neste sentido,  “ninguén entendería que nun contexto como este, non se puidesen sentar nunha mesma mesa todas as forzas políticas para procurar solucións colectivas en todos os ámbitos da crise”.

Evitar alarma e colapso

Hai que evitar é a alarma social e o colapso no funcionamento da nosa sociedade e para iso, o mellor antídoto é articular pautas claras de actuación, consenso nas mesmas, e procedementos xustificados en parámetros técnicos e científicos.

“A nosa maior preocupación, -recalcou-, é estar o mellor preparadas posible ante a crise, evitar que o virus se instale, minimizar os contaxios e, sobre todo, o coste en vidas. É a nosa máxima preocupación e por iso este é un momento de arribar o ombreiro, de traballar cóbado con cóbado, man a man e de enviar unha mensaxe de unidade ao conxunto da sociedade galega”, ratificou Pontón.

En relación á repercusión na campaña, indicou que o BNG estará ao que indiquen as autoridades competentes, evitando entrar en especulacións.

“Por enriba de todo, debe prevalecer a defensa da saúde pública e preocúpanos a saúde de traballadoras e traballadores da sanidade ou a situación do estudantado desprazado en Erasmus, nomeadamente Italia ou Portugal. Tamén a situación de traballadoras e traballadores galegos no exterior”, concluíu.