xerais 2023

Ana Pontón: “O BNG é un muro de contención contra unha dereita aliada coa extrema dereita e non permitirá nin un paso atrás”

Presentación Santiago
Presentación Santiago

“Pido aos galegos e ás galegas que o voten co corazón e pensando en clave de País poder ter un grupo galego forte en Madrid”, declarou

O cabeza de lista pola Coruña, indicou que “é o momento de poñer fin ás discriminacións e ser determinantes no Congreso na defensa de Galiza”

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso dos Deputados e o Senado pola provincia de A Coruña. No acto estivo acompañada polo número un na candidatura do BNG ao Congreso, Néstor Rego; pola número dous da mesma candidatura, Rosana Pérez; e pola alcaldesa da capital de Galiza, Goretti Sanmartín; e polo escritor Suso de Toro, entre outros.

“Este 23 de xullo imos a por todas co obxectivo de ter un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses dos galegos e as galegas ante o Estado” declarou a líder nacionalista, alegando que “este é o momento de Galiza”.

“Nesta campaña imos escoitar que non. Que Galiza non pode ter un grupo galego forte no Congreso como teñen os vascos e os cataláns, pero no BNG imos demostrar que podemos vencer aos do non e converter o que é imposible en posible” subliñou Pontón. “Xa se nos dixo que non iamos ser a alternativa ao PP e demostramos que si”, indicou a líder do Bloque, engadindo que “hoxe o BNG está máis preto que nunca de derrotar ao PP en Galiza e que teñamos por primeira vez unha muller na presidencia”.

A portavoz nacional puxo o foco tamén en que “tivemos que escoitar que non iamos ter unha alcaldesa en Santiago de Compostela e hoxe vemos con orgullo como Goretti Sanmartín é alcaldesa na capital de Galiza, así que este 23X imos derrotar aos do non demostrando que imos ter un grupo galego forte no Congreso para defender os intereses da xente deste País”.

Como segunda reflexión, Pontón puxo sobre a mesa que “este 23X non hai que votar polo mal menor nin por medo”. “Pídolle aos galegos e ás galegas que voten con ilusión, que voten coa cabeza e co corazón, que voten por rematar coa discriminación do centralismo co noso País, e que voten por facer respectar Galiza en Madrid sabendo que a única forza que ten as mans libres e que non lles vai fallar é o BNG”, indicou.

Néstor Rego, cabeza de lista ao Congreso pola Coruña

O portavoz no Congreso e cabeza de lista da candidatura do BNG na Coruña, Néstor Rego, sinalou na súa intervención que o obxectivo das próximas eleccións é conseguir un grupo forte no Congreso para poñer fin ás discriminacións e ser determinantes na defensa de Galiza.

"O voto máis útil nestas eleccións é o do BNG que vai recoller o descontento polos incumprimentos do goberno do PSOE e Unidas Podemos, a dignidade do país e a oposición ao retroceso das forzas da dereita e ultradereita", apuntou Néstor Rego para quen estas eleccións son "decisivas, determinantes e a oportunidade de ter representación que vele polos intereses galegos desde políticas sociais, transformadoras, e que poñan freo á dereita".

Como portavoz que foi do BNG na pasada lexislatura, Néstor Rego dixo falar desde a "experiencia e a lexitimidade de ter cumprido o prometido" mais, aínda así, despois de ter desbloqueado a axenda galega, o candidato mostra a vontade de que, con máis forza no Congreso, consigan "recuperar o déficit histórico en infraestrutura, investimentos e equipamentos no horizonte dos 2000 millóns de euros que o BNG conseguiu para Galiza cando foi determinante saíndo do umbral dos 900 ou 1000 millóns da discriminación dos distintos gobernos, tanto do PSOE-Unidas Podemos como do PP".

Ademais, Rego defendeu a necesidade de apostar polo BNG para acadar un avance social decidido porque, como se viu, "moitos dos compromisos ficaron no camiño e así, non se derrogou a reforma laboral -que agora o PP di que tiña que ter votado a favor- nin a lei de pensións, a lei mordaza ou a impunidade do franquismo... precísase unha forza política que poña Galiza no centro e o interese das maiorías sociais".

O 23X: o momento dunha Galiza que avance en dereitos e liberdades

Pontón lembrou tamén que “o BNG non vai fallar na defensa de Galiza nin na defensa de máis dereitos e liberdades”. “Nin un paso atrás nos dereitos das mulleres, libres e iguais; nin un paso atrás nunha sociedade inclusiva e diversa na que cada quen ame a quen queira amar e sexa quen queira ser” declarou con contundencia a líder nacionalista.

“Seremos un muro de contención para frear esa dereita que vai de ganchete coa extrema dereita, que cuestiona a nosa existencia como nación e que intenta arrebatarnos até a lingua na que falamos. No BNG dicimos nin un paso atrás”, indicou a portavoz do Bloque.

“Este 23X Galiza xógase ter máis peso político e defender os seus intereses. Nestas eleccións no BNG saímos a por todas, sen poñernos límites e cun obxectivo moi claro: conseguir un grupo galego forte no Congreso para que se escoite a voz dos galegos e as galegas sabendo que alí é onde se toman moitas decisións que afectan despois ás nosas vidas” concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG