xerais 2023

Ana Pontón afirma que un grupo galego forte no Congreso será o "aliado" dos profesionais autónomos e a voz das demandas do colectivo

Vilagarcía de Arousa
Vilagarcía de Arousa

Defende unha  fiscalidade xusta, pensións dignas e a revisión dos períodos de xubilación atendendo ás diferentes casuísticas

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva demanda modificar  a lei de Contratos do sector público que só beneficia ás grandes empresas con traballos  "vía subcontrata"  realizados por pequenas e medianas empresas e persoas autónomas

Nun encontro con reprentantes do colectivo de profesionais autónomos, celebrado en Vilagarcía, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón salientou que o colectivo en Galiza suma  máis de 200 mil persoas e manifestou asumir todas as reivincicacións do sector porque coincide, dixo, plenamente co programa que defende o BNG.

"O BNG no Congreso será un alidado pero tamén a voz dos profesionais autónomos para facer forza e defender as súas demandas así como posicionar mellor a economía de Galiza, crear máis xustiza fiscal e loitar contra  a deslocalización".

Pontón fixo fincapé na necesidade de impulsar  a dixitalización e innovación asegurando que  "debe chegar aos autónomos, pequena e mediana empresa"  e lembrou que cando o BNG tivo reposabilidades de goberno na Xunta  puxo en marcha vías de financiamento para a pequena e mediana empresa no ámbito da innovación.

Na súa intervención indicou que o BNG xa denunciou a distribución dos Fondos Next Generation que foron anunciados para acadar unha gran transformación económica e que finalmente son destinados  ás grandes empresas e chegan a Galiza dunha" maneira residual".

Falsos autónomos

A portavoz nacional do BNG tamén se referiu a outras das cuestión que preocupan ao colectivo como son os "falsos autónomos" cunha grande precarización de traballadores e traballadoras, unha situación que require  un mellor servizo de inspección e control da administración para impedir a subcontratación precarias. Dende o BNG, dixo, consideramos prioritario abordar esta realidade  xunto "ao acceso nos contratos públicos". Neste sentido, recalcou que a actual lexislación beneficia "aos grandes" e  intermediarios. Urxe, por tanto modificar a lexislación para limitar esas subcontratacións. O resto, afirmou "é unha fraude permitida pola lei".

Fiscalidade xusta

Nesta liña, Pontón sinalou que a balanza fiscal está discriminada e no ámbito empresarial estamos ante grandes incumprimentos no relativo a progresividade fiscal porque a fiscalidade dos autonómos non é a do 3% como a das grandes empresas,denunciou.

Reunión UPTA
Reunión UPTA

Mellora da protección social

A portavoz nacionalista trasladou ao colectivo de profesionais autónomos o  compromiso do BNG sobre pensións dignas ao remate da vida laboral e para iso, dixo, non escatimaremos esforzos en defender prestacións sociais para que os autónomos e autónomas se poidan xubilar con pensións dignas e o período para xubilarse se produza segundo a casuística de cada profesión e  características especiais como no caso das mariscadoras.

Pontón tamén lembrou a taxa de desemprego da mocidade e abogou por reducir a idade de xubilación para facilitar a entrada dos máis novos e novas ao mercado laboral.

Galiza, afirmou "non se entende sen as persoas autónomas" e o colectivo "debe ser fomentado e protexido" sobre todo no medio rural.

A portavoz do BNG mostrouse convencida de que "un grupo galego forte no Congreso" é fundamental para que os autónomos teñan voz. Agardo que   dentro de catro anos poidamos volver a Vilagarcia e celebrar  que gran parte do decálogo que nos acabades de entregar se faga realidade, concluíu.

Carme da Silva aposta por unha ficalidade xusta e impulsar contratos públicos con  pequenas e medianas empresas  

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva subliñou a coincidencia do programa do BNG coas solicitudes das autónomas e autónomos indicadas polo representante de UPTA, xa que as considerou de "xustiza fiscal".  Destacou que é maioritariamente grazas a esas e eses profesionais “que temos a meirande parte dos servizos”.

A nacionalista recoñeceu que é precisa unha modificación da Lei de Contratos do sector público, que só beneficia ás grandes empresas cando realmente despois quen fai o traballo é, por vía da subcontrata, as medianas, pequenas empresas e as persoas autónomas. Por iso destacou a necesidade de igualdade de acceso aos contratos públicos e salientou que, por exemplo, no Concello de Pontevedra faise o posible para favorecer contratación de pequenas empresas galegas e autonómas. “Cada vez que se cambia a lexislación é lesiva" de aí a necesidade de adapatar a  lei  á realidade galega e  perfil económico do país”, e recalcou que o BNG será sempre un aliado no Congreso e nas Cortes. “Vaino ser máis despois do 23X. Faremos fincapé na fiscalidade, pola transcendencia, porque perxudica doblemente. Hai que traballar para cambiar estas cousas” salientou, ao tempo que insistiu  en que “precisamos asociacións coma esta –a UPTA- para que axude e empuxe” ao lado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG