Parlamento Europeo

Ana Pontón aborda ante a UE os intereses de Galiza en materia de cohesión e de ciencia coas comisarias Ferreira e Ivanova

Ana Pontón e Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Pontón e Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)

Acompañada da eurodeputada Ana Miranda tamén manterá un encontro co grupo parlamentario Verdes-ALE, no que está integrado o BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprázase ao Parlamento europeo en Estrasburgo, que acolle pleno da Eurocámara a próxima semana, para manter sendas reunións coa comisaria de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e coa comisaria de Ciencia, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Iliana Ivanova, para abordar os intereses de Galiza en relación aos temas competencia de ambas carteiras.

Xunto coa eurodeputada Ana Miranda, a líder do BNG aproveitará o encontro para expoñer aquelas cuestións que o Bloque considera importantes para que Galiza avance en cohesión, tendo en conta que ao longo dos últimos catorce anos a converxencia en termos de PIB per cápita vai cara atrás pasando de situarse no 88,8% da media da UE-27 a caer até o 76,9% en 2022. É dicir, que Galiza non converxe senón que perde posicións coa Europa comunitaria, e iso pese a perda de poboación.

Neste sentido, Pontón defenderá ante a comisaria Ferreira unha xestión máis descentralizada dos fondos que teña en conta as competencias multinivel, e trasladaralle a preocupación do BNG polo feito de que Galiza está quedando fora dos grandes proxectos tractores con cargo aos fondos Next Generation, cando en realidade debería recibir unha consideración especial por estar directamente afectada pola transición enerxética.

Pontón quere evitar que cos fondos de cohesión para o período en vigor 2020-2027 se repita para Galiza un nivel de aplicación menor que na media comunitaria, como pasou cos fondos estruturais e de investimento no marco financeiro 2014-2020.

En relación ás competencias da comisaria Ivanova, a líder do Bloque quere trasladarlle ao executivo comunitario a importancia de mellorar a posición de Galiza en materia de ciencia e innovación, en particular a nivel orzamentario, posto que a día hoxe o investimento e a metade da media da UE, provocando a perda de oportunidades e a fuga de talento investigador previamente formado no País.

Igualmente, coa comisaria búlgara abordará a situación da mocidade galega, que figura á cola en emancipación e que soporta un proceso de emigración masiva nos últimos anos, o que resulta nefasto para un País que soporta unha crise demográfica estrutural. Tamén explicará cal é a situación do galego, a única lingua que perde falantes no Estado, secundariza no ensino, pese a todo o potencial cultural e económico que aporta o ter un idioma propio.

Ademais das xuntanzas de traballo coas comisarias, Pontón manterá un encontro cos deputados e deputada do Grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG dentro da Eurocámara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG