Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia na Eurocámara a discriminación de Galiza pola pésima xestión do transporte público

Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
Ana Miranda (Foto: Delmi Álvarez)
A eurodeputada do Bloque critica que o PP avale o monopolio no sector fronte a decisións xudiciais

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou no pleno do Parlamento Europeo os problemas do transporte público en Galiza e a súa pésima xestión, que segundo destacou “é un escándalo” que se traduce na discriminación que sofren os galegos e galegas, “que queren un transporte público, digno e de calidade”.

“Buses cheos nas vilas e cidades; xente agardando durante horas para chegar ou voltar dos traballos e aos centros de estudos; falta de frecuencias horarias e de billetes, que obriga a quen precisa desprazarse a reservar moitas semanas antes, retrasos continuos; falta de conexións para as zonas rurais e precariedade nos contratos dos traballadores de transporte”, relatou Ana Miranda na súa intervención.

A eurodeputada nacionalista denuncia por outro lado que o sector do transporte en Galiza está case monopolizado pola empresa Monbus, un monopolio amparado polo goberno galego do Partido Popular que non ten en conta as decisións xudiciais. Neste sentido, Miranda fixo referencia á sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, avalada polo Supremo, que sostén que Monbus e Alsa se repartiron o mercado de transporte de viaxeiros por estrada en Galiza de forma fraudulenta.

“A normativa europea de concorrencia europea segue sen respectarse en Galiza”, manifestou a eurodeputada do Bloque na súa intervención, ao tempo que considera “moi grave” que o goberno galego do Partido Popular ampare esta vulneración da normativa europea en lugar de facer cumprir a lexislación e traballar para mellorar a calidade do servizo.

Pregunta parlamentar

Precisamente a través dunha pregunta parlamentar Ana Miranda trasladou recentemente á Comisión Europea os problemas do transporte público en Galiza e as dificultades que atopan habitualmente os usuarios e usuarias de trens e autobuses, desde a falta de prazas, a necesidade de planificar con moita antelación a compra de billetes, a falta de frecuencias e os continuos atrasos.

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG