parlamento europeo

Ana Miranda critica os acordos comerciais da UE con América Latina que prexudican Galiza

Ana MIranda conferencia UE CELAC
Ana MIranda conferencia UE CELAC
A eurodeputada do Bloque defende que a protección dos dereitos humanos e do medio ambiente deben centrar a axenda política

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe nas xornadas “Por unha Economía Global, Xusta e Sostible”, manifestou a súa preocupación polos acordos comerciais que mantén a Unión Europea con América Latina que prexudican os pequenos e medianos produtores galegos e considera que o eixo dos acordos deben ser a protección dos dereitos humanos e o medio ambiente.

Na conferencia -que se celebra en Compostela de xeito paralelo ao Consello de Ministros de Economía e Finanzas da UE, LATAM e Caribe- a eurodeputada nacionalista salientou o traballo desenvolvido pola Coordinadora Galega de ONGD, que integra 43 ONG que dende Galiza desenvolven un gran traballo para acadar a xustiza social e o fin das desigualdades globais. Por outro lado, criticou que as diversas entidades socias non foran convidadas a participar no Consello de Ministros. “No BNG somos moi críticas con reunións que non teñan en conta a sociedade”, apuntou Miranda ao respecto.

A eurodeputada do Bloque explicou que, na actualidade, a UE está a piques de concluír un acordo de libre comercio coa rexión do Mercosur, á vez que trata de actualizar os seus acordos comerciais con Chile e México. Ao seu xuízo, estes acordos “esquecen potenciar o desenvolvemento sostible”, xa que benefician de maneira desproporcionada ás grandes empresas agroalimentarias de América Latina e impoñen normas máis estritas aos agricultores da UE.

Formas alternativas de colaboración

Ana Miranda defendeu a necesidade de avanzar en “formas alternativas de colaboración que dean prioridade ao clima, a democracia e os dereitos humanos”. Neste sentido salientou que a UE debe apoiar estes esforzos cun financiamento adecuado, centrándose en áreas como a investigación científica, a prevención da evasión fiscal, a igualdade social, a transferencia de tecnoloxía e o acceso a medicamentos.

“Desde o BNG seguiremos moi de preto as negociacións dos acordos multilaterais con América Latina e Caribe para poñer no centro da axenda a protección de dereitos humanos e do medio ambiente", concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG