Jorquera: "Son os Orzamentos dun goberno que está ao fin do seu ciclo político"

O deputado afirmou que o Goberno intenta salvarse, “á desesperada” cuns orzamentos de marcado tinte electoral

Intervención de Francisco Jorquera

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera solicitou hoxe a devolución dos Orzamentos porque reproducen o contido de anteriores exercicios, persisten nos recortes e non apostan por un “xiro económico” para reactivar a economía e creación de emprego polo que pediu a súa devolución.

Para os deputado, “son os orzamentos dun goberno ao fin do seu ciclo político que tenta salvarse a desesperada cunhas contas con marcado tinte electoral”.

Orzamentos que non reactivan a economía nin á creación de emprego

Son orzamentos, dixo Jorquera, continuistas e perseveran “en políticas que conducen ao noso país a ruína”. Vostedes, explicou, presumen dun Goberno fiábel e prudente nas súas previsións pero nos orzamentos do ano 2012 prevían un medre do PIB nun 1,1 por cento cando en realidade o exercicio pechou cunha caída do 1,1 por cento, “acertaron na cifra pero non no signo”. No 2013 a previsión estimaron unha caída do 0,9% pero a caída foi maior, 1,1% e o mesmo acontecía no 2014 cunha previsión de crecemento do 0,8% e só medrou o 0,5 por cento. No ano 2015 estimaron un medre do 2 por cento máis en realidade, pese a “prudencia e fiabilidade do seu goberno”, no primeiro semestre a economía española medrou un 2,9% e a galega un 1,6%, “non acertaron nin unha”.

Levan seis anos dicindo que Galiza vai saír antes da crise “e con máis vigor que ninguén” e resulta que no ano 2014 estivemos a cola de crecemento, non é de estrañar, ironizou, que con estes precedente “non creamos as previsións do seu Goberno”, dixo o deputado dirixíndose ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.

Jorquera na Tribuna

O parlamentario reiterou que as políticas do Goberno galego “só serviron para acentuar a subordinación e marxinación de Galiza” e os datos evidencian esta afirmación. Dende o ano 2009, o número de parados medrou un 183% máis en Galiza que no Estado español, o número de ocupados nun 175% e a poboación activa, nun 305 por cento máis. Con estes datos, resulta moi difícil crer o compromiso do Goberno coa creación de emprego. Nove de cada dez empregos, recalcou, son temporais e moitos deles con menos dunha semana de duración, un de cada tres asalariados galegos a tempo parcial non chega sequera a mileurista e o 31% dos traballadores galegos cobra menos do salario mínimo, están vostedes creando a “categoría de traballadores pobres”.

Non se pode soprar e chuchar ao mesmo tempo

Para o deputado, non se pode incrementar o gasto, rebaixar os impostos e cumprir cos obxectivos de déficit do que tanto presume o Goberno. Unha de dúas, o se incumpre o obxectivo do déficit ou estes “orzamentos son papel mollado antes de aprobárense”.

Teñen que chegar as eleccións, para que vostedes lembren as políticas expansivas “aínda que sexa só en aparencia”. Non existe, dixo unha aposta real por expandir o investimento produtivo e o gasto social.

Estes orzamentos, remarcou só recuperarán o 3,68% de todo o que levan recortado “dende o ano 2009 máis 9.900 millóns de euros”.

Por outra banda, o parlamentario criticou a falta de execución dos investimentos como aconteceu no 2014 que non chegou ao 72%, e a das transferencias de capital o 68%. Na consellería de Economía e Industria, consellería fundamental para a actividade económica, a execución foi dun 61% e no capítulo 7, apenas chegou ao 52%, “deixaron de executar case un euro de cada tres”, recalcou Jorquera.

O deputado tamén afirmou que nos orzamentos non existe “ningunha estratexia” para un cambio de modelo produtivo nin dos sectores básicos da nosa economía entre os que destacou a situación límite do comercio, ningunha actuación para facer fronte á crise do sector lácteo, reducen nun 68% o fomento do asociacionismo, suprimen o programa de mobilidade de terras agrarias pero incrementan nun 53% o programa de ordenación das produción forestais para converter a “Galiza nun inmenso eucaliptal”.

Francisco Jorquera

Por outra parte destacou a falta de dotación para rexenerar as rías, poñer en marcha unha nova política de xestión dos espazos naturais protexidos e un deseño para unha xestión sustentábel dos residuos.

O parlamentario tamén ser referiu aos orzamentos que dan un paso atrás na “liquidación do noso idioma e cultura” así como en normalización lingüística.

Jorquera cualificou de “electoralistas” as contas presentadas hoxe polo conselleiro de Facenda sobre a proposta de “rebaixar os impostos” cando en realidade, dixo, subiron de “xeito escandaloso” os impostos indirectos dende que goberna no PP. “Supriman os repagos nos servizos públicos, o impostos sobre hidrocarburos aprobado en 2013 e suban a presión fiscal dos que máis teñen”.

As súas medidas fiscais responden a un electoralismo calculado, intentan trasladar a ilusión da recuperación en forma de pequenas bonificación como o cheque bebé ou a rebaixa do IRPF, en vez de apostar pola “progresividade, redistribución e equidade”.

 O parlamentario do BNG concluíu afirmando que os orzamentos “non serven para reactivar a economía, non blindan os servizos públicos, as políticas sociais e a loita contra as desigualdades”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG