A portavoz do BNG citou ao Castelao: A nación é un feito e non unha idea, un ser real e non un ente problemático. E aludindo ao exemplo do Reino Unido con Escocia, instou ao Goberno a facer as cousas ben
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu no Pleno da Cámara o dereito de autodeterminación das nacións que conforman o estado español: Galiza, Euskal Herria e Catalunya. Unha proposición rexeitada polos votos en contra do PP, UPyD e PSOE.
Outros grupos da Cámara optaron por respaldar parcialmente esta iniciativa, caso do PNV e CIU, que votaron a favor dos tres primeiros puntos. Izquierda Plural abstívose e só votou a favor do primeiro punto, Compromís respaldou o punto 1 e 3, Geroa Bai apoiou todo o texto.
A proposición non de lei conxunta de BNG, ERC e Amaiur nos tres primeiros puntos instaba ao Goberno a traspor ao ordenamento xurídico español o dereito á libre determinación das nacións do estado. Pedíase o respecto ao exercicio do dereito de libre determinación de Galiza, Euskal Herria e Catalunya. Así como o respecto das nacións a determinar o seu status político, as competencias, e as relacións de cooperación.
Os dous últimos puntos recollían unha serie de aspectos concretos para levar a cabo un referendo de autodeterminación e fixar as bases dun proceso cara a independencia nacional.
Nin a longa noite de pedra puido evitar que a realidade de Galiza permaneza viva
A portavoz do BNG comezou dunhas palabras de Castelao, que foi deputado en Cortes e loitou por demostrar o feito galego, a realidade nacional de Galiza. A nación é un feito e non unha idea, un ser real e non un ente problemático, lembrou.
Davila enfatizou o empeño de Castelao polo recoñecemento político deste feito e o dereito a decidir do pobo galego. É coñecido o compromiso do BNG con estes obxectivos e o noso labor por acadalos, por iso traemos esta proposición ao pleno. Nin a longa noite de pedra como o poeta Celso Emilio Ferreiro definiu aos 40 anos de ditadura franquista, puido evitar que a realidade de Galiza permaneza viva.
A portavoz do BNG falou de tímida solución a da Constitución sobre o problema dun Estado plurinacional, incorporando na Constitución o recoñecemento do feito diferencial das tres nacionalidades históricas. Enfatizou que lonxe de aprofundar na realidade plurinacional segundo avanzaba a democracia, puido máis a vontade dos que conciben o estado español como un estado indivisíbel, impedindo calquera avanzo no recoñecemento das nacións.
Nesa liña, subliñou que non só hai múltiples competencias estatutarias aínda sen desenvolverse senón que se trata de deixar sen valor o recoñecemento constitucional, e mencionou o café para todos, ese empeño do Goberno central por desvirtuar, eliminar a diferenza.
Señores do Goberno, fagan as cousas ben
Acusou ao Goberno de Rajoy de estar centrado nunha cruzada recentralizadora. Máis, puntualizou, despois de tantos anos, o Goberno central non logrou dobregar a vontade destes pobos. E a pesar das dificultades, continuamos a falar na nosa lingua, vivindo de acordo ás nosas culturas e costumes e facendo posíbel que siga viva a nosa historia.
Salientou que isto é a clara expresión da vontade colectiva que define a unha nación, e que se expresa desde o plantexamento político reclamando o dereito a decidir. Nese sentido, alegou as razóns dos nacionalistas galegos a defender o dereito a decidir, a defender que Galiza como a todas as nacións do mundo se lle recoñeza o dereito de autodeterminación.
Contrastou a realidade do Estado español co que sucede noutros lugares de Europa. Hai exemplos en Europa de como os procesos de recoñecemento e independencia de nacións se poden facer ben ou mal. E sobre todo, dannos leccións da necesidade de se esforzar por facelo ben. Nesa liña, mencionou o caso do Reino Unido en relación a Escocia.
Rematou a súa intervención reclamando ao estado español que teña en conta non só as demandas políticas do dereito a decidir senón tamén a vontade colectiva. E fagan as cousas ben.