Pontón reclama a Xunta e Goberno central que abandonen xa a confrontación estéril e traballen man a man para retirar os pellets

Visita Ribeira
Visita Ribeira

Advirte que o problema segue aí mentres ámbalas dúas administracións seguen no seu “pim-pam-pum partidista” que non serve para nada a Galiza

Pide ao Executivo de Alfonso Rueda “máxima transparencia” e que abandone un modus operandi que repite o mesmo manual que o do Prestige

A portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, reclamou dende Burela a Xunta e Goberno central que abandonen dunha vez por todas a súa “confrontación estéril e inútil” na xestión da crise dos pellets e se poñan a traballar “man a man” para que haxa “máis medios e máis recursos” para retirar a marea plástica do litoral galego, segundo recalcou, “a primeira prioridade” nestes momentos.

Logo dun encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, Pontón insistiu en que a máxima prioridade agora mesmo é a limpeza das praias e a retirada dos pellets plásticos contaminantes que están chegando canda vez a máis puntos da costa galega e criticou as liortas nas que seguen inmersos os executivos galego e estatal.  

“A primeira prioridade ten que ser a limpeza das praias e a cidadanía galega o que lle reclama ás Administracións non é nin un pim-pam-pum partidista nin unha confrontación estéril, senón que traballen man a man, coordinadamente, para que canto antes se poda retirar toda esa marea de plásticos”, afondou, para advertir a continuación que “o problema segue aí” e, dadas as previsións, “poden chegar máis pellets nos próximos días”.

De igual xeito, a líder nacionalista reclamou ao Executivo de Alfonso Rueda que actúe “coa máxima transparencia” porque “é evidente que non se pode seguir actuando como ata agora”, cunha Xunta que actuou “tarde e mal” e que, na vez de poñerse á fronte do problema, está inmerso nunha estratexia “na que o único que fai é intentar buscar culpables”.

Pontón asegurou asistir “con moita preocupación” como o Goberno do PP está repetindo “o mesmo manual” que durante o Prestige, cun , o mesmo modus operandi” no que primeiro negou o problema, logo intentou minimizalo, despois intentou responsabilizar a outras Administracións e, por último, actuando con “falta de transparencia, con opacidade e sen a seriedade e o rigor que merece unha crise destas características”.

Neste sentido, contrapuxo a actitude da Xunta á de outros gobernos como o vasco, “que sen ter nin un só pellet nas súas praias, xa está activando os niveis de emerxencia e intentado atallar o problema”.

Para a portavoz do Bloque, este é un momento no que os Executivos teñen que estar á altura dos galegos e das galegas porque “a capacidade dun goberno mídese en situacións críticas como a que estamos vivindo neste momento e, ata o de agora, vimos a un Goberno que non estivo á altura”.

“O que lle reclamamos á Xunta é que se tome realmente en serio o problema”, indicou para engadir que resulta evidente que tanto Goberno galego como central “non foron capaces de calibrar a importancia do vertido que se estaba producindo” e teñen que rectificar e poñerse a traballar man a man porque o máis importante é retirar a marea plástica do litoral galego. “O pim-pam-pum partidista non lle vale para nada a este País e dende o BNG reclamamos altura de miras”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG