parlamento galego

Ana Pontón reclama ao novo ministro de Transportes “máxima prioridade” na resolución dos problemas dos trens en Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Remite unha carta a Óscar Puente na que detalla as continuas deficiencias no servizo ferroviario que sofren a diario as usuarias e usuarios galegos

Demanda solucións que garantan un servizo puntual e de calidade como o aumento de servizos, frecuencias e prazas nas conexións entre cidades

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao novo ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, para demandar a “máxima prioridade e esforzo” na resolución dos problemas que sofren os servizos ferroviarios do Eixe Atlántico e que están afectando diariamente aos miles de galegos e galegas que utilizan o tren para acudir ao seu traballo ou estudios ou para realizar outras tarefas propias do día a día.

Pontón lembra ao ministro que dende primeiros de setembro, os trens do Eixe Atlántico -especialmente algúns servizos de media distancia (MD), da liña AVANT (caso do traxecto A Coruña-Ourense) e da conexión A Coruña-Lugo- se viron afectados por continuos retrasos, avarías, cancelacións, incidencias, masificacións e falta de prazas, problemas que nas últimas semanas se teñen agravado ata o punto de converterse practicamente en diarios.

A portavoz do Bloque recorda a Puente que Galiza carece de momento de servizo de proximidade, previsto para esta lexislatura en virtude do acordo de investidura asinado polo BNG, polo que, mentres tanto, os galegos e as galegas están apostando decididamente polo tren utilizando os servizos do Eixe Atlántico como medio de transporte para a mobilidade diaria.

Sen embargo, “durante este curso, e especialmente agravado neste trimestre, os servizos ferroviarios téñense convertido nun auténtico pesadelo para os usuarios e usuarias que cada mañá acoden ás estacións de tren de Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense ou Lugo, entre outras”, indica para recalcar a continuación que as incidencias convertéronse “nunha constante” e a situación ten derivado “en caótica” algúns días, como aconteceu esta semana.

“Entendendo que terá que poñerse ao día de numerosas cuestións do Ministerio, emprazámolo a que solucione a situación dos servizos ferroviarios en Galiza como problema acuciante e inmediato para rematar co grave problema de mobilidade xerado polas deficiencias continuas nos servizos de tren”, reclama.

Segundo indica Pontón na súa misiva, dende o BNG “cremos que a situación xa ten chegado a un límite, independentemente das numerosas causas que alega Renfe”, entre as que cita as derivadas da infraestrutura, dos operadores ou as técnicas.

“Non se xustifica a acumulación constante de problemas no medio dunha dinámica que delata abandono ou desidia”, afonda para considerar necesario “ofrecer aos usuarios e usuarias seguridade á hora de acudir ás estacións de tren, garantir un servizo puntual e de calidade para chegar adecuadamente aos seus traballos”.

Pontón avanza ao novo titular de Transportes e Mobilidade Sostible que cando compareza no Congreso, e en consonancia coas múltiples iniciativas que o BNG ten presentado en Congreso e Senado, “terá a oportunidade de coñecer e analizar a fondo os problemas que arrastra Galiza en materia ferroviaria”.

Neste sentido, apunta a necesidade de “aumentar as frecuencias e servizos do Eixe Atlántico nos tramos de primeira hora da mañá, de mediodía e de tarde-noite” para adaptalos ás necesidades de mobilidade da cidadanía.

“Observará a mesma deficiencia nos trens MD e AVANT, cuxos horarios non se axustan ás demandas existentes e comprobará a masificación que sofren os trens do Eixe Atlántico nas conexións entre cidades (Vigo-Santiago, Santiago-A Coruña, Ourense-Santiago ou Lugo-A Coruña, entre outras) e a habitual falta de prazas que demostran a necesidade de aumentar servizos e prazas”, incide.

 

Logo de recordar que os galegos e galegas seguen esperando pola posta en marcha dos trens Avril, a líder nacionalista remata a súa carta demandándolle a Puente a máxima atención a unha situación que está alterando de maneira importante a vida diaria dos galegos e galegas que apostan polo tren para os traslados diarios. “É importante non dificultarlles o tránsito, senón facilitárllelo”, conclúe.

 

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, afonda nas demandas do BNG para que o Ministerio de Transportes adopte as medidas necesarias no prazo de tempo máis breve posible para corrixir estas deficiencias no servizo ferroviario en Galiza e considera que “é o momento de apostar polo tren na mobilidade do presente e do futuro por razóns económicas, ecolóxicas e de cohesión e vertebración territorial”, un dos eixos fundamentais do traballo desenvolvido polo Bloque ao longo desta lexislatura.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG