Congreso

BNG solicita a comparecencia do Ministro de Transportes no Congreso

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda a Óscar Puentes que informe sobre as medidas que adoptará o Ministerio para acabar cos continuos retrasos, cancelacións e incidencias nos servizos ferroviarios da Galiza

O deputado do BNG no Congreso reúnese con representantes das plataformas “Perder O Tren” e “Afectados polo Tren de Media Distancia” da Galiza para escoitar as súas demandas e trasladar as iniciativas rexistradas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra a solicitude de comparecencia do novo Ministro de Transportes, Óscar Puentes, para explicar as liñas de actuación que desenvolverá o Ministerio na Galiza durante esta lexislatura en materia viaria e ferroviaria. No urxente, tamén demanda que compareza para informar sobre as medidas previstas para solucionar as deficiencias do servizo ferroviario na Galiza que están a prexudicar a mobilidade diaria de milleiros de galegos e galegas. Neste sentido, o deputado nacionalista reúnese con representantes das plataformas constituídas na Galiza por persoas afectadas pola mala calidade do servizo para escoitar en primeira persoa as súas demandas e trasladarlle as iniciativas xa rexistradas polo BNG.

“Todos os días as persoas usuarias deben soportar retrasos, impuntualidades, avarías e cancelacións de trens, sobre todo no Eixo Atlántico e nos servizos ferroviarios de Media Distancia, mais non se da solución a estes problemas por parte de Renfe ou o Ministerio de Transportes” explica o deputado nacionalista. “É preciso axustar os horarios, incrementar as frecuencias e ofertar un maior número de prazas para garantir un servizo fiábel e que dea cobertura á demanda actual”, puntualiza Rego.

Ademais de mellores infraestruturas, engade Néstor Rego, son necesarios “mellores servizos a través de horarios adecuados, maiores frecuencias e unha política tarifaria máis atractiva cando remate a bonificación”. O deputado do BNG destaca que, existindo prezos competitivos, hai demanda. Mais o problema actual reside en que existe unha demanda que “non está sendo cuberta”.

Reunión con “Perder O Tren” e “Afectados polo Tren de Media Distancia”

No día de hoxe, o deputado tamén se reúne con representantes das plataformas de usuarios e usuarias afectadas polo deficiente servizo ferroviario na Galiza. Nesta reunión, Néstor Rego, escoitará, máis unha vez, as reclamacións e demandas dos colectivos en relación cos servizos ferroviarios e a darlles traslado no Congreso dos Deputados. Ademais, aproveitará o encontro para trasladar as iniciativas xa presentadas polo BNG co obxectivo de que o Goberno mellore o transporte ferroviario na Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG