Senado

Carme da Silva: “O Goberno ten a capacidade para frear o xenocidio en Palestina. É unha obriga ética e política”

A senadora do BNG demandará ao Ministro de Asuntos Exteriores maior contundencia e un papel máis activo para rematar coa impunidade de Israel

“O Ministerio de Asuntos Exteriores debe preocuparse, protexer e garantir a seguridade dos activistas da flotilla que agardan en Istambul a poder saír” afirma

A senadora do BNG, Carme da Silva, demandará ao Goberno do Estado adoptar “unha posición moito máis activa e contundente” contra o Estado de Israel co obxectivo de rematar co xenocidio ao pobo palestino. Durante a comparecencia do Ministro de Asuntos Exteriores na cámara alta, a senadora nacionalista solicitará rematar coa impunidade do Estado de Israel e romper relacións co Estado –diplomáticas, económicas, comerciais, culturais-, así como impedir o ataque a Rafah e que cesen en Gaza e Cisxornadia.

Co gallo da comparecencia do Ministerio de Asuntos Exteriores na cámara alta, o BNG aproveitará a ocasión para demandar, entre outras cuestións, un papel moito máis activo e contundente contra o Estado de Israel para frear o xenocidio que está a acontecer en Palestina.

“Hai moito tempo que non quedan palabras para definir e relatar o xenocidio que Israel perpetra en Palestina. Cada día, cada nova mañá, un horror novo máis estarrecedor sobre o que xa parecía imposíbel de superar. Fame, desesperación e terror na mirada de quen sobrevive agardando o día en que tamén será vítima do exterminio porque ese é o obxectivo de Israel: exterminar Palestina” denuncia a senadora do BNG.

Ante esta situación, Carme da Silva solicitará ao Goberno do Estado –que ten capacidade para actuar e a obriga de facelo- non quedarse só coa declaración do Estado Palestina, sendo unha demanda histórica. “Hai que rematar coa impunidade de Israel, rematar co xenocidio en Palestina, cesar os ataques a Gaza e Cisxordania, impedir o ataque a Rafah. Mesmo romper relacións con Israel: diplomáticas, económicas, comerciais, culturais…” enumera.

“Israel quere illar totalmente a Palestina e para iso ameaza, ataca e mata o pobo palestino e os e as profesionais dos medios de comunicación así como a membros de ONG” recorda a senadora. Carme da Silva exemplifica na campaña de desprestixio que levou a cabo Israel contra a UNRWA.

Protexer a Flotilla da Liberdade con activistas do Estado español

Por outra parte, a senadora nacionalista sinala que o Ministerio de Asuntos Exteriores “debe preocuparse, protexer e garantir a seguridade dos activistas da flotilla que agardan en Istambul a poder saír”. Neste sentido, da Silva preguntará a Albares sobre as xestións que está a facer para garantir que o buque con axuda humanitaria poida chegar a Gaza ante as ameazas do Estado de Israel.

“A Flotilla da Liberdade conta con activistas do Estado español que queren facer chegar a Gaza máis de 5 000 toneladas de axuda humanitaria” subliña Carme.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG