Ana Pontón exixe á Xunta e Estado que deixen o ‘pim pam pum’ e se poñan a traballar de xeito coordinado contra a marea de plástico

Visita Ribeira
Visita Ribeira

Censura a estratexia de manipulación e ocultación do PP e reclámalle á Xunta  que faga público de maneira inmediata o informe sobre a toxicidade dos pellets

A portavoz nacional e candidata do BNG nas próximas eleccións, Ana Pontón, emprazou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aparcar os seus “intereses partidistas” e a subir xa o nivel de alarma no plan anticontaminación para que Galiza poda contar con máis medios para a limpeza das praias afectadas pola marea de plástico. “O Goberno galego está totalmente superado porque a campaña lle está a marcar a resposta ante esta catástrofe ambiental”, denunciou durante a súa visita ao Parque Nacional de Corrubedo.

Pontón exixiu a Rueda una “resposta á altura das circunstancias”, deixando a un lado o “pim pam pum” que mantén coa Administración do Estado para antepoñer a defensa dos intereses dos galegos e as galegas porque, advertiu, “non é o momento de confrontacións estériles e inútiles”.

É por iso que solicitou a activación inmediata no nivel medio que se contempla no plan de continxencia de loita contra a contaminación marítima pois, segundo explicou, danse a circunstancias que establece o decreto que o regula: que a contaminación supere o plano local, que non haxa medios suficientes para facerlle fronte, e que afecte a espazos que, como Corrubedo, precisan dunha protección especial.

A candidata do BNG alertou de que non elevar o nivel de alerta pode ser “prevaricación” posto que a Xunta non están tomando as decisións acorde coa gravidade do problema. “Non se poden poñer os intereses electorais por diante da atención a unha emerxencia ambiental como a que estamos vivindo” e que afecta a un sector, o do mar, que é fonte de traballo e riqueza para toda Galiza .

Pontón aproveitou a súa visita a Corrubedo para demandar de novo a Alfonso Rueda que acuda con urxencia ao Parlamento a explicar a xestión do seu goberno nesta crise e dea conta de que medios vai poñer en marcha para a limpeza das praias. Ademais, reclamou tamén ao Goberno galego que faga público o informe do que se valeu a vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez, para asegurar que os gránulos que están chegando á costa do País non son tóxicos nin contaminantes.

Criticou así a “estratexia de manipulación e ocultación” do PP, insistiu no dereitos dos galegos e as galegas a ter toda a información e lembrou que a Fiscalía de Medio Ambiente apunta aos pellets como residuo potencialmente tóxico . Pontón aludiu neste sentido á contaminación que xeneran os plásticos no medio natural e ao risco de que afecten á fauna marítima e terrestre.

A portavoz nacional, que estivo acompañada polo alcalde de Ribeira, Luís Pérez, lamentou que o PP estea aplicando nesta crise a mesma estratexia que durante a catástrofe do ‘Prestige’. “Primeiro oculta o problema, despois intenta minimizalo, máis tarde intenta responsabilizar a outras administracións e a continuación recorre á manipulación e á propaganda informativa”, lamentou, ao tempo que agradeceu o labor que están a facer os concellos e os voluntarios que están a colaborar na limpeza das praias.

Ribeira informou á Xunta o 13 de decembro

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira confirmou que este concello comunicou o 13 de decembro á Consellería de Medio Ambiente “que se estaba producindo esta catástrofe” e que dende ese mesmo momento a administración local mobilizou os recursos municipais que tiña dispoñibles como a brigada de emerxencias e o servizo de recollida de lixo que, segundo recalcou, “estiveron literalmente barrendo as praias”.

Luís Pérez cifrou en 75 os sacos de material vertido recollidos ata o momento nos areais deste concello, que está vendo afectado zonas de especial valor ambiental sen, ata o momento, recibir a axuda nin da Xunta, nin do Goberno estatal.

“Necesitamos recursos”, afirmou logo de facer un chamamento a ámbalas dúas administracións para que non deixen sós aos concellos afectados. Neste sentido, criticou á conselleira de Medio Ambiente que na súa visita a Ribeira non tivera “nin a decencia de avisar ao Goberno municipal para atallar esta grave crise ambiental”.

Na mesma liña, explicou que a Xunta non está coordinando ningunha actuación e que nin sequera comunicou ningún protocolo de actuación, salvo dirixir aos concellos unha carta do conselleiro de Pesca na que se lles indicaba que a competencia nesta cuestión era municipal.

“Gustaríame preguntarlle ao señor Villares (en referencia ao titular desta consellería) se na vez de ser boliñas diminutas de plástico fora chapapote, tamén sería competencia dos concellos afrontar unha crise ambiental deste nivel en solitario?”, interpelou para concluír que “creo que non”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG