No pasado 26 de maio foi aprobado no Congreso o ditame da lei para a transferencia da AP-9 impulsada polo Parlamento da Galiza. A aprobación foi posíbel grazas á presión do BNG e á presentación de emendas transaccionais con PSOE e Sumar que obtiveron tamén o apoio de ERC, Bildu, Junts e PNV. Só PP e Vox votaron en contra. É este un paso fundamental para facer realidade unha aspiración da sociedade galega que se veu materializando en decisións unánimes no Parlamento galego na última década. O ditame aprobado sitúase nos mesmos termos en que o fixeron historicamente as propostas emanadas da Cámara galega.
En esencia: transferencia da titularidade da infraestrutura á Administración galega, transferencia das competencias de xestión e asunción por parte da Administración do Estado de todas as consecuencias económicas derivadas das decisións adoptadas por esta até o momento da transferencia efectiva. Por tanto, con todas as garantía que sempre foron exixidas polo Parlamento galego.
A partir de aí, unha maior concreción debe producirse na Comisión Mixta de Transferencias Xunta-Estado. Até nisto a proposta é respectuosa tanto co autogoberno coma co papel que lle corresponde ao Goberno galego.
Sorprende o voto en contra do PP. Ou sorprendería, se non estivésemos xa afeitos á política do PP de dous pesos e dúas medidas: unha cousa aquí e a contraria en Madrid; unha postura cando está na oposición e a contraria cando está no Goberno. E sempre sen lle preocupar se iso prexudica a Galiza.
Após votar a favor no Parlamento da Galiza, o PP vetou en dúas ocasións o debate no Congreso da proposición de lei da Cámara galega cando tiña maioría nese órgano e estaba no Goberno do Estado. Agora que está clara a transferencia da titularidade e de todas as competencias de xestión, argumenta o PP que non hai garantías (a pesar dunha redacción similar á unánime polo menos en catro ocasións no Parlamento galego) e fala dunha cláusula trampa que podería facer pagar á Administración galega o custo dunha hipotética anulación da concesión por parte do Tribunal de Xustiza da UE.
Para non ficaren dúbidas, a cláusula é a seguinte: «Ademais, as consecuencias das decisións tomadas pola Administración Xeral do Estado previas á transferencia recaerán sobre a Administración Xeral do Estado». Aí fica salvagardada calquera posíbel indemnización como consecuencia dunha hipotética anulación da prórroga da concesión, que foi unha decisión do Estado. Argumentar que esta cláusula pode ser interpretada como que o Estado só se responsabiliza até que se produza a transferencia e despois non, como fixo a conselleira de Infraestruturas, roza o ridículo. Falar do que pode acontecer con obras e bonificacións futuras —o mesmo partido que prorrogou a concesión ilegalmente até 2048—, para alén de hipócrita, semella admitir pouca confianza na capacidade negociadora do Goberno galego do PP co Estado na Comisión Mixta.
Trátase de procurar pretextos, por moi inverosímiles que foren, para rexeitar unha proposta que é moi positiva para o país, se callar por vir da man do impulso do BNG. Porque a outra opción é que realmente o PP e a Xunta non queren a transferencia da AP-9, en coherencia co que fixeron, bloqueándoa, cando gobernaban en Madrid e co desinterese por asumir novas competencias, que ficou patente nos últimos 17 anos de Gobernos de Feixoo e Rueda, con unha única asumida.
Frente a esta política obstrucionista do PP, o BNG vai continuar traballando para que esta sexa a lexislatura en que se verifique a transferencia, e tamén polo fin dunha concesión que, para alén de ilegal, é claramente inxusta e discriminatoria coa Galiza. Trátase de facer realidade a aspiración dunha AP9 galega e libre de peaxes.
Artigo publicado en La Voz de Galicia o 5 de xuño de 2026.