Ana Miranda

O Porto de Vigo precisa máis carga de traballo e menos exposicións e represalias a representantes sindicais

BNG Plataforma Ría Vigo
BNG Plataforma Ría Vigo

A eurodeputada do BNG denuncia que a “lamentable xestión” da terminal pon en risco a economía viguesa, ao rexistrar unha baixada da pesca fresca de máis do 13% no que vai de ano

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia a negativa xestión do Porto de Vigo, en tanto que se está producindo unha continua baixada dos tráficos de pesca fresca, froita, contedores e cruceiros mentres o seu presidente inaugura unha exposición sobre o crecemento azul do porto vigués.

“Mellor lle iría a Vigo se o señor López Veiga se preocupase máis de conseguir carga de traballo para a terminal viguesa que de inaugurar exposicións”, subliña Ana Miranda, para quen a xestión do actual presidente do Porto de Vigo “leva ao desastre e pon en risco a economía viguesa, e non porque o diga o Bloque, senón porque así o confirman as propias estatísticas que facilita a entidade portuaria”.

Segundo os datos da Autoridade Portuaria viguesa, no tocante á pesca fresca no que vai desde inicio de 2018 até setembro estase producindo unha baixada do 13,65%. Para o Bloque resulta “cando menos curioso” que se inclúan como ventas en lonxa a produción de mexillón na ria. “Trátase dun feito atípico porque se inflan as estatísticas artificialmente”, indica ao respecto Ana Miranda, xa que no ano 2017 se declararon máis de 40 millóns de quilos de mexillón dun total de case 90 millóns declarados como pescado descargado no Berbés, un 40% do total.

“Pero a situación non é mellor a respecto do tráfico de mercadorías”, critica a eurodeputada nacionalista, quen lembra que en plena crise (2009) o porto de Vigo decidiu renunciar ao tráfico de froita (100.000 tm/ano) obrigando a que este tráfico marchase para Marín, ao igual que o da navieira Maersk. “Dende hai 10 anos o Porto de Vigo vai en caída libre, e o seu presidente parece non enterarse, xa que non lle coñecemos ningunha proposta”, denuncia Ana Miranda.

E nun terceiro piar do Porto, o referido aos cruceiros turísticos, a situación é similar. “Estamos diante doutro signo do mal funcionamento da terminal viguesa”, destaca Miranda ao respecto, xa que prodúcese unha continua baixada de chegadas á terminal viguesa, desde os 118 transatlánticos que chegaron en 2011, que supuxeron 247.514 pasaxeiros, aos 71 do ano pasado, que levaron a Vigo 140.000 viaxeiros.

Solidariedade fronte as represalias

Por outro lado, Ana Miranda quere transmitir a solidariedade do BNG cos traballadores de CIG e UXT denunciados polo presidente do Porto. Para a eurodeputada nacionalista “non é de recibo” que o máximo responsable da terminal viguesa aproveite o envío dun comunicado interno do Comité de Persoal no que denunciaban a privatización da lonxa para represaliar aos representantes sindicais mediante a presentación de denuncias coas que López Veiga lles reclama 25.000 euros a cada un.

“Resulta lamentable non só a xestión do Porto de Vigo no tocante ao seus datos do tráfico de mercancías, que poñen en claro perigo á terminal viguesa, senón tamén a respecto do tratamento do persoal”, asegura Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG