Noa Presas pide manter a marca Pastor para preservar o emprego e unha entidade pegada ao territorio

Noa Presas
Noa Presas

O BNG demandou do Goberno da Xunta que actúe para evitar a desaparición definitiva da marca Banco Pastor porque están en xogo centos de postos de traballo, que sumando ao persoal de Popular, Pastor e Santander, acada a cifra de 2.300 empregos, número que se amplía cos servizos derivados como telemárketing, inmobiliaria, seguros.

Ante a duplicidade de oficinas que se daría en caso de reunificar as tres fichas bancarias só nunha baixo a marca Santander, “é fácil prever o que vai pasar”, salientou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, quen tamén advirte de que a supresión do Pastor “agravará a exclusión financeira na poboación rural dada a súa importante extensión xeográfica e a vinculación co territorio da que carecen outras entidades”.

Presas lembrou a escasa implicación da Xunta de Galiza “ante o aumento da vulnerabilidade aos abusos bancarios, empezando polos máis de 50.000 accionistas galegos dos que moitos foron enganados e estafados”, moitos deles traballadores e traballadoras obrigados a adquirir accións cuxo valor quedou en cero tras a compra por un euro do Popular por parte do Santander.

“Nada fixeron máis alá dunha conversa do señor Feixóo coa señora Botín polo que parece sen éxito algún, pero non sei se houbo algo máis que esas conversas de corredor”, ironizou, ao tempo que reclamou ao Goberno galego  “implicarse” e “facer algo máis que agochar a cabeza porque manter a marca que axudaría a paliar algunha das graves consecuencias da súa desaparición definitiva”.

Así, ao custe da destrución de emprego, Presas tamén sumou a dificultade de acceder ao crédito para particulares e empresas debido a perda dun sistema financeiro propio.

“As pequenas e medianas empresas tiñan nesta entidade unha importante implantación e perderán unha porta á que chamar, nunha Galiza convertida na comunidade onde o crédito cae con máis intensidade desde 2009 cun descenso superior aos 30.000 millóns de euros, un 43,5% do volume de crédito. Tamén é o territorio que peor relación presenta entre créditos e depósitos de todo o Estado”, explicou.

“Por iso, manter a marca Pastor é a mellor garantía para impedir a perda de emprego, manter a relación co territorio, favorecer a obtención de crédito para investimentos, e conservar unha entidade vinculada co noso tecido produtivo cunha rede de oficinas que coñeza, entenda e dea servizo á nosa realidade xeográfica e social”, concluíu Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG