Imprimir

Noa presas insta á Xunta a rehabilitar a Torre de Sande de Cartelle

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 18 de outubro de 2019

Noa Presas
Noa Presas
A deputada do BNG, Noa Presas, solicitou a consolidación, conservación e a posta en valor da Torre de Sande do Concello de Cartelle durante a Comisión de Patrimonio do Parlamento de Galiza. Indicou que é unha oportunidade para este territorio de Ourense que precisa de medidas urxentes para o desenvolvemento socioeconómico.

En 2017, o BNG solicitaba compromiso por parte da Xunta de Galiza ante as denuncias emanadas de asociacións veciñais, de memoria histórica e mesmo medioambientais como Adega. A propia Valedora do Pobo tíñase feito eco desta cuestión e do estado de abandono da Torre de Sande e o resto de Torres do sur da provincia de Ourense.

"Vémonos na obriga de volver a traelo ao Parlamento polo desentendemento da Xunta de Galiza e o concello de Cartelle, gobernado polo Partido Popular" sinalou a deputada do BNG. Presas sinalou a importancia de conservar a torre, construída por riba dunha rocha, o que fai máis complicada a súa construcción e da máis valor ao monumento, e a súa función era antigamente a de vixiancia. "O obxectivo é que se poida levar a cabo a valoración e interpretación conxunta das tres torres do sur de Ourense, sumando a torre de Sandiás e a da Pena" destacou.

Esta torre de Sande, en teoría, en 1949 foi declarada ben de interese cultural. "A protección queda na teoría e a Xunta de Galiza fai unha deixadez das súas funcións de novo. Dous anos despois contínua en mal estado: está cuberta de maleza e hai unha fenda na parte de abaixo ademáis de pedras derrubadas" sinalou Presas.

"Teñen a ocasión de atender un Ben de Interese Cultural, xa que están en plena campaña do Xacobeo, collendo a Lei de Patrimonio de Galiza que permite intervir neste tipo de terreos" indicou Presas. Continuou explicando que é "unha prioridade e unha oportunidade para un territorio que está en deterioro e que precisa de alternativas socioeconómicas que desenvolvan os potencias da comarca".

A Torre de Sande ten propietarios privados que diante da proposta de 2017, informaron de que non tiñan os recursos económicos necesarios pero que se prestaban a levar a cabo algún tipo de convenio coas administracións públicas. O BNG presentou tanto no Parlamento Galego coma no concello de Cartelle iniciativas para manter un diálogo cos propietarios do monumento.

"Hai un problema de falta de vontade política e de territorio. Aspiren a valorizar as torres defensivas deste territorio" sinalou. "Esta ten que ser unha prioridade polo tipo de construcción e polo territorio que precisa valorización e atracción, estamos a falar dunha intervención moi sinxela que podería ter unha repercusión moi importante para o territorio" sentenzou. Esta proposta foi votada en contra polo Partido Popular no Parlamento de Galiza unha vez máis na comisión de Patrimonio, feito que a deputada do BNG lamentou.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/noa-presas-insta-xunta-rehabilitar-torre-sande-cartelle/20191018173118025620.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr