Imprimir

Néstor Rego anunciou en Noia que defenderá os investimentos nas rías e as condicións de vida digna de quen as traballa

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 20 de outubro de 2019

Noia
Noia
O candidato nacionalista móstrase confiado en que o BNG volverá ao Congreso para "facer valer Galiza"

Cando quedan menos de dúas semanas para o inicio da campaña electoral, o candidato pola Coruña, Néstor Rego, mostrouse no mitin de Noia confiado no regreso do BNG ao Congreso o que significará "facer valer Galiza". O investimento nas rías como grande tesouro paisaxístico e produtivo ou o cambio do marco laboral dun sector como o marisqueo serán protagonistas das súas propostas en Madrid, como lembrou na súa intervención en Noia.

"O BNG vai converter o vindeiro 10 de novembro na oportunidade de, de novo, facer valer Galiza, como di o noso lema electoral que significa que regresaremos ao Congreso como voz dos galegos e galegas", dixo Néstor Rego no mitin que se desenvolveu no Coliseo Noela de Noia en que estivo acompañado de cargos e responsábeis da organización na comarca como a responsábel local de Noia, Cristina Fernández, o voceiro municipal, Ricardo Suárez e a tamén candidata ao Congreso, Maruxa Martínez.

En dez anos, segundo apuntou o candidato nacionalista, os datos mostran un progresivo desmantelamento do país, cun descenso dun 6,30% no índice de produción industrial e unha caída da ocupación industrial do 10,85% ou a redución do número de camas hospitalarias dun 23,52%. "Son algúns datos que mostran a falta de peso político do país, do que tamén dá conta a discriminación que o sector da pesca sofre coa aplicación das cotas que obrigan a deitar o mar cada día boa parte da captura das nosas embarcacións de pesca tradicional", dixo Néstor Rego que prometeu que a voz do BNG no Congreso "servirá para poñer freo a este esquecemento que sofre o noso país e ser de novo a voz que defenda os intereses de galegas e galegos".

As rías, un tesouro que defender

Neste sentido, diante das veciñas e veciños de Noia, Néstor Rego fixo especial fincapé na necesidade de conseguir maiores investimentos para as nosas rías, en especial para o seu saneamento xa que, "son un dos nosos principais patrimonios e un tesouro tamén para o noso desenvolvemento económico mais teñen que ter a atención que corresponde ao seu incalculábel valor".  

Comprometeuse así a defender no Congreso investimentos para as nosas rías e tamén unha atención especial para o sector que vive do mar que está a ver mermadas as súas capacidades de produción e tamén as súas condicións laborais.

"Esixiremos que se invista na ría para o desenvolvemento  dunha actividade como a marisqueira, vital na ría de Muros-Noia, que emprega a máis de 1.500 persoas, maiormente mulleres", afirmou Néstor Rego que anunciou que presentará iniciativas no Congro para que se desenvolva o sector industrial relacionado coa captura do marisco apoiando a posterior transformación para que xere un maior valor engadido e máis postos de traballo.

Anunciou tamén para que defenderá a modificación das condicións sociolaborais das persoas que se dedican ao mariqueo para que sexan recoñecidas as enfermidades laborais asociadas a súa actividade e que se regulen ás cotizacións á Seguridade Social de maneira que se garantan unha situación laboral e unhas pensións dignas.

"Converteremos a repetición das eleccións Xerais nunha oportunidade para recuperar peso político  no Congreso dos Deputados onde aínda se deciden moitos temas que afectan directamente os nosos intereses. O BNG defende a soberanía para Galiza mais sabe tamén que a nosa voz ten que sentirse en Madrid porque é vital para o noso futuro como país", defendeu Néstor Rego que lembrou que "o BNG é a única forza que sempre loitou polos intereses do país e iso fica á vista se comparamos os orzamentos de máis de 2.000 millóns de euros que se destinaron a Galiza cando o BNG era determinante cos tan só 750 dos últimos aprobados, menos da metade".

"Quedan tres semanas para as eleccións e temos na nosa man volver facer decisivo o BNG, é dicir, volver a ter o peso político que precisamos como país. Está na nosa man que así sexa", rematou Néstor Rego.

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/nestor-rego-anunciou-noia-defendera-investimentos-nas-rias-condicions-vida-digna-quen-traballa/20191020213803025637.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr