Imprimir

Luís Seara: “O 26 de maio converteremos esta corrente de simpatía ao BNG en apoio electoral”

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 22 de maio de 2019

Ourense
Ourense

Pontón pide concentrar todo o voto de país e inconformista no BNG para dar un cambio real en Ourense e deixar atrás catro anos de desgoberno

A Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato á alcaldía de Ourense, Luís Seara, analizaron hoxe a recta final da campaña electoral. Ven os comicios do vindeiro 26M con optimismo e seguros de que o BNG irromperá no consistorio ourensán con forza.

Seara analizou a campaña electoral destacando os máis de trinta encontros coa veciñanza do concello de Ourense. “Tivemos unha intensa interlocución social cos veciños e veciñas ademais de contar con todos os sectores sociais, durante máis de dez meses e deu como resultado o programa que hoxe denominamos Proxecto Agora Ourense” sinalou o candidato á alcaldía.

“Converteremos esta corrente de simpatía ao BNG en apoio electoral o vindeiro 26M” afirmou Seara, asegurando unha entrada da forza nacionalista no concello de Ourense. Asemade, destacou o desexo de “recuperar a voz que a cidadanía perdeu durante estes catro anos” onde nin o goberno nin a oposición foron quen de pensar na veciñanza. “O BNG vai estar á altura das circunstancias unha vez entre no concello” aseguro o candidato á alcaldía de Ourense.

“É preciso que a xente volva a confiar no BNG e concentre o voto na casa común do nacionalismo” sinalou Seara. Coller a papeleta do BNG, segundo afirmou o candidato á alcaldía, “vale triplo” nestas eleccións: por unha banda, “rematar esta parálise de goberno”; por outra banda, frear á dereita que serve aos “intereses dos poderosos e especuladores”; e por último, serve para “botar a Baltar da Deputación na que leva instalado 30 anos o cacicato” concluíu.

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou “a seriedade e solvencia” do proxecto que o BNG presenta para Ourense da man da candidatura que encabeza Luís Seara, e pediu “concentrar todo o voto nacionalista, galeguista e inconformista” no Bloque porque é “a aposta segura” para darlle a cidade o cambio real que precisa.

“Seara representa o cambio transformador para deixar atrás estes catro anos desastrosos para Ourense, co peor goberno da súa historia recente e cunha oposición que tampouco estivo á altura”. “Esta cidade non se merece máis parálise porque está perdendo oportunidades cun PP que só demostrou soberbia e incompetencia e que conduce Ourense á deriva”, indicou no almorzo informativo na cidade das Burgas.

“Temos proxecto de futuro, cun gran equipo e un candidato preparado, dialogante, con visión de futuro, algo que debe recuperar esta cidade. As persoas decepcionadas co que pasou neste mandato, teñen no BNG a súa aposta segura”, recalcou, facendo un chamamento “a concentrar no Bloque” todo o voto da veciñanza que non quere elixir nin entre desencanto, nin entre o vello bipartismo PP-PSOE.

“Non somos flor dun día, temos traxectoria e historia, demostramos onde gobernamos que transformamos vilas e cidades a favor das persoas. A mellor aposta para un cambio transformador en Ourense é a papeleta BNG”, recalcou. Pontón salientou, ademais, o valor extra do voto ao Bloque porque non só garante un cambio real no concello senón que suma para desaloxar a Baltar da Deputación, algo que non aportan as candidaturas localistas. “Tamén para as persoas que queren democratizar a Deputación teñen no BNG a mellor opción”, concluíu.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/luis-seara-26-maio-converteremos-corrente-simpatia-ao-bng-apoio-electoral/20190522134452024885.html


© 2019 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr