Luís Bará: “A familia Franco debe resarcir ao pobo galego por gozar 40 anos do Pazo de Meirás”

Ocupación simbólica do Pazo de Meirás
Ocupación simbólica do Pazo de Meirás

Avanza que a lei galega de Memoria histórica promovida polo BNG esixe a devolución do Pazo e dos bens espoliados pola familia do ditador

En relación ao informe xurídico e histórico encargado pola Xunta e cuxas conclusión fixéronse públicas, o deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará  manifesta  que os informes e iniciativas tramitadas pola  Deputación de A Coruña ante Patrimonio do Estado, son materia suficiente para xustificar “a recuperación e devolución do Pazo de Meirás e doutros bens espoliados” pola familia do ditador Franco, polo tanto, o informe, afirma Bará “non muda en sentido substancial o contido do informe encargado pola Deputación de A Coruña”.

O BNG REXEITA A INDEMNIZACIÓN Á FAMILIA FRANCO

Sen embargo, o nacionalista pon o énfase e malestar do BNG no aspecto recollido no informe sobre a posibilidade de indemnizar á familia Franco  polos gastos derivados “do desfrute e goce desta residencia durante 40 anos”. O BNG, reitera Bará, considera que a situación debería ser inversa, e dicir, “a familia Franco debe resarcir ás arcas públicas polo desfrute duns bens espoliados e roubados”. Sobre estes bens, explica o deputado, é probable que se deran transaccións e beneficios para a familia Franco. Esta cuestión debe ser, en opinión do parlamentario do BNG, resolta pola administración do estado porque conta cos mecanismos e resortes necesarios con base nestes informes.

Por outra parte, na proposta de lei que está a tramitar o Congreso dos deputados, a instancias do PSOE, debe incluírse a devolución do Pazo e outros bens que na actualidade están baixo o dominio e desfrute da familia Franco.

O deputado avanza  que o BNG promoverá a lei galega de Memoria histórica que recolla a actual situación do Pazo de Meirás e a súa devolución ao pobo galego.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG