Día da Visibilidade Bisexual: Combatamos todas as fobias!

Óese falar ás veces de ‘minorías sexuais’ fronte, obviamente, á norma heterosexual dominante. Porén, cabe sinalar que algúns estudos indican que as persoas bisexuais representaríamos unha parte significante da poboación, mesmo superior á das persoas que se identifican como homosexuais. E algo máis da metade do propio colectivo LGBT estaría formada por as persoas bisexuais.

No entanto, as persoas bisexuais seguimos a sufrir unha discriminación específica arraigada en tópicos moi estendidos (trataríase dunha fase pasaxeira debida a unha falta de madurez, unha moda, de estarmos confundid@s...) e sobre todo na invisibilización e negación da bisexualidade como unha identidade sexual lexítima.

Esta bifobia existe tanto fóra como dentro do propio colectivo LGBT onde as persoas eran –e, nalgúns casos, aínda son– erroneamente, consideradas ‘híbridas’, metade heterosexual e metade homosexual ou homosexuais que se escudan na comodidade social e nos privilexios que implican unha aparencia heterosexual. Esta bifobia está patente mesmo na orde das siglas ‘LGTB’ empregada tradicionalmente no Estado español (fronte a ‘LGBT’ no resto do mundo) que se debe historicamente á aceptación e inclusión moi tardías –a modo de simple pegote– das persoas bisexuais ao resto do colectivo por parte das grandes organizacións estatais.

Como todas as discriminacións, a bifobia ten unhas consecuencias moi graves, en especial problemas de saúde mental (depresión, alcoholismo, autolesión...). Neses días posteriores ao Dia Mundial de Prevención do Suicidio, cabe incidir no feito de que a taxa de suicidio é máis elevada entre as persoas bisexuais do que calquera outra orientación sexual, que xa de por si é netamente superior á media. Se queremos combater o risco real de suicidio entre as persoas bisexuais e outras do colectivo LGBT, resulta imprescindíbel, pois, comezar por recoñecermos a diversidade e por aceptarmos cada quen como é, respectando a súa identidade sexual, entre outras cousas.

Desde o BNG rexeitamos todas as formas de LGBTfobia e queremos aproveitar este 23 de setembro, Día da Visibilidade Bisexual, para celebrarmos a contribución que fan as persoas bisexuais en todos os ámbitos da sociedade e para denunciarmos a bifobia para así, traballando man na man coas organizacións LGBT de base, contribuírmos a pórmos fin ás consecuencias nefastas que provoca para unha parte importante das persoas que vivimos na Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG