Imprimir

O BNG pide á Xunta que non inclúa actividades de Educación Ambiental no novo decreto de Turismo activo

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 21 de maio de 2020

Montse Prado
Montse Prado

Critica que  non recolla as alegacións das empresas do sector  e ir a  “rebufo” das modificacións do estado de alarma

Reclama a especificidade do Turismo activo con prácticas deportivas e de esforzo físico fronte ás de  Educación Ambiental

A deputada do BNG, Montse Prado xunto á membro da Executiva nacional, Noa Presas, mantiveron un encontro telemático con representantes de empresas do sector da Educación Ambiental co fin de avaliar o novo decreto de Turismo activo.

Tras  recoller as demandas do sector, as nacionalistas reclamaron á Xunta “non incluír actividades de Educación Ambiental no novo decreto” e diferenciar a Educación ambiental das prácticas que comporten risco, destreza ou esforzo físico. Por outra banda, engaden,  o decreto, tampouco recolle as alegacións das empresas dedicadas as  estas prácticas nin atende a especificidade das mesmas.

O  BNG lembra que o novo  decreto foi un compromiso do Goberno galego  para finais do ano 2019 pero foi a semana pasada cando o Presidente da Xunta anunciaba  o novo decreto de turismo activo  “a rebufo” das modificacións do estado de alarma.

O BNG considera que a actividade das empresas e colectivos de Educación Ambiental debe ter unha regulación específica  non  vinculada ao turismo activo e alerta dos riscos de intromisión profesional e de inseguridade xurídica. Lembra  que as actividades desenvolvidas teñen unha especificidade que precisan de persoal formado no ámbito da Educación Ambiental  e a aínda que o  Turismo Activo ten como referencia as actividades deportivas e de esforzo físico na natureza, o  criterio é   demasiado laxo e amplo posibilitando  que estas actividades poidan ser desenvoltas por persoal sen as competencias suficientes e  xerando inseguridade xurídica para empresas e profesionais que as veñen desenvolvendo desde hai tempo.

O BNG pide que  sexan atendidas as consideracións e especificidades do colectivo da Educación Ambiental en Galiza para  que se defina claramente o apartado de sendeirismo deixando ao marxe aquelas rutas que se desenvolven atendendo a outros obxectivos como coñecemento do medio, conservación dos espazos naturais, concienciación ambiental, educación e divulgación ambiental diferenciándoas das   actividades   deportivas e de aventura  propias do Turismo Activo.

O BNG pide excluír do decreto do Turismo activo:

  • Programas de Educación Ambiental e Interpretación da Natureza desenvolvidas polas  administracións públicas e  entidades e centros de educación ambiental.
  • Actividades de Ocio Educativo no Tempo libre para a Xuventude.
  • Actividades de Voluntariado Ambiental.
  • Actividades de Achegamento á Natureza dirixidos a Familias e Grupos en Espazos Naturais.
  • Actividades de coñecemento e observación da natureza para persoas maiores.
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-xunta-non-inclua-actividades-educacion-ambiental-novo-decreto-turismo-activo/20200521144618027057.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr