O BNG pide unha investigación urxente para esclarecer as ameazas á candidata Carme da Silva

Pintadas
Pintadas

Pontón traslada toda a solidariedade á concelleira de Pontevedra e advirte aos “covardes” autores das pintadas que “non amedrentan” a un Bloque que seguirá traballando pola cidade e para dar voz propia a Galiza

O BNG, a través da portavoz nacional, Ana Pontón, demanda unha investigación inmediata en relación as ameazas contra a concelleira de Pontevedra e candidata ás eleccións xerais por esta provincia, Carme da Silva, en forma de pintadas na súa propia residencia.

Pontón trasladou todo o seu apoio e solidariedade á “compañeira” Carme da Silva “que está sendo ameazada con pintadas na súa casa”, uns feitos que a líder do Bloque cualifica de intolerables.

“É intolerable nun sistema democrático que unha concelleira en Pontevedra que ademais é a candidata do BNG ás eleccións xerais estea sufrindo este acoso na súa vivenda”, recalcou, “e pedimos que se abra unha investigación de inmediato porque ningún cargo público,  ningunha persoa neste país pode ver como se lle ataca desa maneira sen que haxa unha resposta á altura da gravidade dos feitos que estamos xulgando”.

A espera de que se aclaren estes feitos, Pontón advirte “ás persoas covardes que fan ese tipo de ameazas que non nos amedrentan e que imos e seguir defendendo unha Pontevedra mellor e reivindicando que Galiza necesita recuperar voz propia no Congreso”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG