O BNG exixe á Xunta un plan de vacinación claro e o reforzo da sanidade para poder executalo e cubrir á totalidade da cidadanía

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil reclama máis medios para a campaña e advirte que “sería un desastre” que o Goberno galego tamén actuase nela a golpe de improvisación

O BNG reclama á Xunta que defina un plan de vacinación claro para a COVID, “con obxectivos concretos e dotado dos recursos necesarios”, para levar a vacina ao conxunto da poboación galega no menor tempo posible. Así o exixiu a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, quen considerou prioritario reforzar a sanidade pública e moi especialmente a Atención Primaria.

“Os centros de saúde están a xogar un papel clave na contención do virus, na detección de novos contaxios, no seguimento de contactos e, ademais, asumirán máis tarefas coa campaña de vacinación”, subliñou, logo de exixir os recursos humanos, materiais e orzamentarios necesarios para que a campaña cubra á totalidade da cidadanía.

“Nestas semanas estase a vacinar un colectivo moi concreto, o das persoas usuarias e traballadoras das residencias de maiores, un colectivo prioritario, pero a pregunta que nos facemos dende o BNG e que plan ten previsto a Xunta para vacinar ao conxunto da poboación”, explicou, para a continuación cuestionar se o Goberno de Feixóo “vai contratar máis persoal ou pretende vacinar 2,7 millóns de habitantes co mesmo persoal sanitario que hai hoxe”.

Neste sentido, Rodil instou ao Executivo galego a aclarar se a campaña se vai desenvolver nos centros de saúde, nos hospitais ou de maneira conxunta, e insistiu na necesidade de que marque un calendario e uns obxectivos globais para levala a bo termo e con axilidade: “Cando prevé a Xunta que a vacina chegue, por exemplo, á metade da poboación?”, exemplificou.  

A viceportavoz nacionalista advertiu que “sería un desastre” que tamén na campaña de vacinación da COVID19 se actuase con improvisación e falta de organización e, ante a considerou “a antesala da terceira onda”, reiterou a necesidade de que a Xunta actúe “con previsión e anticipación” para paliar o máximo posible o impacto que terá a relaxación das restricións durante as festas de Nadal.

“Preocúpanos a evolución epidemiolóxica á espera de ver o impacto que terán as festas que aínda non se reflicte nas estatísticas”, manifestou para a continuación recordar que xa hai un 15% máis de persoas ingresadas que en Nadal. Por esta razón, apelou á responsabilidade individual e colectiva das galegas e galegos, dado que a chegada da vacina pode xerar unha falsa sensación de seguridade, e de igual xeito, á previsión do Goberno galego.

“Ademais de valorar posibles novas limitacións, desde o BNG queremos insistir en algo fundamental que é o reforzo da sanidade pública”, reclamou para concluír que “non podemos baixar a garda e tampouco relaxarnos porque o virus segue aí e este é un momento delicado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG