Imprimir

O BNG exixe no Congreso o respecto dos dereitos lingüísticos por parte da Administración do Estado

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 15 de maio de 2020

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego lembra ao Goberno central a obriga de cumprir as recomendacións feitas polo Comité de Ministros do Consello de Europa recollidas na Carta Europea de Linguas Minorizadas.

O BNG propón acometer unha revisión das diferentes vías de comunicación entre a Administración Xeral do Estado e a cidadanía para asegurar que todos estes mecanismos sexan accesíbeis nas distintas linguas oficiais do Estado.

O BNG denunciou no Congreso a vulneración dos dereitos lingüísticos que viven cada día millares de persoas galegofalantes e a resistencia por parte do Goberno central á posta en marcha de políticas que favorezan o uso do galego e contribúan para aumentar o número de galegofalantes.

Por esta razón, o deputado Néstor Rego exixiu ao Goberno que se implementen as medidas necesarias para dar cumprimento ás recomendacións do Comité de Ministros de Europa sobre o respecto do contido da Carta de Linguas Minorizadas. “Entre elas, pídese ao Estado español que asegure no ámbito educativo a protección de todas as linguas oficiais, que se fomente o uso delas por parte das autoridades xudiciais, permitindo a realización dos procedementos noutros idiomas oficiais distintos do español, e tamén fai especial fincapé no uso das distintas linguas oficiais por parte da Administración Xeral do Estado” destacou o Rego.

A pesar destas recomendacións, no que levamos de lexislatura, o BNG tivo que presentar distintas iniciativas en relación con numerosos incidentes en que a Administración Xeral do Estado non cumpría a legalidade vixente e non respectaba os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.

Néstor Rego explicou que “continuamente nos encontramos con trabas que dificultan a vontade de vivir e expresarse na nosa lingua, páxinas web ou documentación dos ministerios non accesíbel nas distintas linguas oficiais, formularios e impresos que non existen ou non poden obterse noutras linguas distintas do español, peticións de tradución dos documentos achegados e continuas deformacións da toponimia que a Administración Xeral do Estado se empeña en españolizar”.

O BNG propón acometer unha revisión das diferentes vías de comunicación entre a Administración Xeral do Estado e a cidadanía (páxinas web, formularios, impresos, folletos informativos…) para asegurar que todos estes mecanismos sexan accesíbeis nas distintas linguas oficiais do Estado. Ademais, urxe a corrección da toponimia propia da Galiza en todas as comunicacións que realiza a Administración Xeral do Estado así como a formación dos seus traballadores e traballadoras para que no seu traballo diario respecten esa toponimia e os dereitos lingüísticos dos cidadáns e cidadás.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-exixe-congreso-respecto-dereitos-linguisticos-parte-da-administracion-do-estado/20200515122619027033.html


© 2020 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr