BNG denuncia o "veto" do PP para que compareza no Parlamento representantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas: "O PP volve a empregar a súa maioría absoluta para pechar a porta da Cámara galega á sociedade que reclama revertir a involución do galego no ensino"

A portavoz en materia de lingua do BNG, Mercedes Queixas denuncia o "veto" do PP   na mesa da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento á proposta do BNG para a comparecencia dun/ha representante das organizacións sociais asinantes da Proposta de bases para a normalización lingüística no ensino.

"O PP volve empregar a maioría absoluta para pechar a porta na Cámara de representación do pobo á sociedade galega que está a demandar  outra política lingüística no ensino que reverta a grave involución que presenta o proceso de normalización lingüística no que afecta á súa aprendizaxe e uso por parte das xeracións máis mozas", afirma a deputada do BNG.

A nacionalista explica que  este novo veto á lingua galega  por parte do PP, impide que un representante dos colectivos asinantes deste documento (AS-PG, NEG, ANPAS GALEGAS, MNL, CIG, STEG, CSIF) presente no Parlamento esta proposta de bases para a normalización lingüística no ensino, proposta presentada aos grupos da cámara durante a campaña electoral.

A parlamentaria do BNG recalca que o PP está a limitar, máis unha vez, con esta "censura" os dereitos democráticos das deputadas e deputados do BNG para poder desenvolver o seu traballo parlamentario segundo o articulado do Regulamento do Parlamento.

Para Mercedes Queixas, o veto do PP representa  unha nova proba da "nula vontade dialogante do Partido popular " e a súa  incapacidade para se converter en verdadeiro axente normalizador do galego entre a sociedade galega e coincidindo cos postulados das forzas representativas da extrema dereita española.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG