O BNG denuncia a proliferación de casas de apostas en Galiza e pide regulación a nivel europeo

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada Ana Miranda alerta do risco do xogo compulsivo e a ludopatía entre a mocidade 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre o aumento de máquinas e casas de apostas en Galiza, especialmente en barrios populares e cun gran impacto entre menores de 30 anos. “Xa non hai barrio galego sen casas de apostas, moitas zonas afectadas pola crise económica, co que cómpre poñer en marcha un maior control sobre as apostas, porque supoñen un grave prexuízo para a mocidade, ao potenciar o xogo compulsivo e o incremento dos casos de adicción pois as persoas mozas son os consumidores máis vulnerables”, salienta.

Ao fío desta situación, na iniciativa presentada, a eurodeputada nacionalista diríxese á Comisión Europea e sinala que debía lembrarlle ao Estado que cumpra a Recomendación da Comisión de 2014 para protección dos consumidores e usuarios de servizos de xogos en lina e a prevención do xogo entre os menores. Ana Miranda reclama unha regulación a nivel europeo para a protección dos consumidores, en especial dos menores e outros consumidores vulnerables, que regule estes locais e que inste aos Estados Membros a poñer en marcha campañas de información sobre os perigos destas actividades. 

Neste sentido Miranda denuncia o aumento da publicidade televisiva referida a estas actividades utilizando como reclamo a personalidades con prestixio social mentres, pola contra, non existen campañas de prevención dos efectos do xogo, de forma que se incumpre a normativa de regulación da publicidade. 

Incidencia da publicidade

“Este elemento favorece o incremento de casos de adicción entre a xente moza, xa que percibe como persoas referenciais trasladan a imaxe de que estas actividades son algo positivo”, explica a eurodeputada, quen alerta da normalización do xogo e as consecuencias que pode ter no ámbito social e familiar.

A posibilidade de gañar cartos de maneira fácil, dispoñer de comidas e bebidas máis baratas, e a posibilidade de entrar sen consumir son, xunto a solicitude de microcréditos, reclamos que utilizan estes locais para atraer ao público segundo as asociacións de persoas afectadas polo xogo.

Para a eurodeputada do Bloque, estes elementos, que inciden especialmente no incremento do xogo entre as persoas menores de 30 anos poñen de manifesto unha realidade que potencia o xogo como alternativa ao lecer “que debe facernos reflexionar sobre a sociedade que queremos construír”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG