Imprimir

O BNG certifica o fracaso da Constitución e reclama un novo status político que recoñeza a Galiza como nación

BNG - Bloque Nacionalista Galego | 06 de Decembro de 2018

Praza do Obradoiro
Praza do Obradoiro

Pontón advirte da “patraña” da descentralización e aposta pola soberanía “para mellorar a vida das persoas e facer que o país avance e progrese”

Denuncia que a Transición foi pactada coas elites franquistas e o bloque constitucionalista  protexe os privilexios da banca contra a maioría social

O BNG realizou un acto político no corazón da capital de Galiza para proclamar o fracaso da Constitución, -pois non serviu para darlle solucións aos problemas do país-, e para reclamar un novo marco político e institucional que recoñeza a Galiza como nación, cunha aposta por cambiar o “centro de gravidade” que deixe atrás un centralismo que xera dependencia para avanzar cara a soberanía.

“Por moitas toneladas de propaganda que fagan, a conclusión é clara: A constitución non serviu para solucionar os problemas de Galiza”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, pois ese marco constitucional fixo que Galiza perdese poboación e riqueza, mandou a milleiros de mozos e mozas á emigración, non serviu para evitar a precariedade laboral,  nin que os maiores soporten as segundas pensións máis baixas do Estado e consagra a discriminación do idioma propio.

E, sobre todo, a constitución deu lugar a un deseño do estado “profundamente centralizador” que prexudica a Galiza. Por iso, Pontón puxo especial empeño en denunciar a “patraña” da descentralización “cando desde Madrid recadan os impostos, deciden sobre a nosa costa, os nosos portos, os aeroporto, a enerxía, o río Miño, a AP-9, o tráfico, a seguridade, a xustiza, a planificación económica ou os dereitos?”, alegou. “A máis centralismo, máis desigualdade”, de aí que o BNG propoña superar ese marco.

“Defendemos un novo status político para Galiza, un novo status que nos recoñeza como nación e nos dea novas ferramentas, soberanía para mellorar a vida das persoas e facer que o país avance e progrese”,  salientou Pontón, “e se queremos cambiar o rumbo, temos que mover o centro de gravidade, se Galiza quere ter solucións aos problemas económicos, sociais e ecolóxicos temos que gañar poder político e poder económico”.

Ana PontónNeste sentido, a dirixente do Bloque instou a cuestionar o actual marco e falar claro do “verdadeiro significado político” da Transición e da Constitución. “Por moito que pretendan reescribir a historia, esta é a Constitución dos herdeiros do franquismo reconvertidos a demócratas, é un texto froito dun pacto de silencio entre o vello réxime, o exército e a esquerda española”, denunciou.

Coherencia do nacionalismo

O BNG sempre cuestionou e cuestiona esa constitución, “porque o nacionalismo galego nunca aceptou nin aceptará a impunidade dos crimes fascistas, a monarquía, a consagración do libre mercado e a negación de que Galiza existe e ten dereito a decidir o seu camiño”. Pontón advirte que o denominado bloque constitucionalista só busca salvargadar os privilexios dunha minoría económica, xudicial e política, a costa das maiorías sociais, “poñendo eses privilexios por diante da vida das persoas”.

Neste contexto avanza a extrema dereita, -“daqueles polvos estes lodos”-, unha ultradereita que “sempre estivo aí”, sinalou a líder do Bloque, quen lanzou como reto “encontrar as diferencias entre Vox e as FAES”.  “Acaso non leva anos na axenda da dereita máis centralismo, ilegalizar ideas políticas, atacar a igualdade de xénero, cuestionar os dereitos LGBTI ou os ataques á lingua galega?”, alegou.

Fenda democrática e nacións sen estado

Por iso, igual que fai 40 anos, o BNG proclama que non hai posibilidade dunha reforma democrática do Estado que non se base no recoñecemento do seu carácter plurinacional e no respecto ao dereito de autodeterminacións dos seus pobos.

“As solucións os problemas de Galiza,  das maiorías sociais non van vir do centro do sistema, é suicida fortalecer o centralismo.  Temos que ser as nacións sen estado que abramos unha fenda democrática a favor da igualdade, da xustiza e dos dereitos. Galiza precisa máis que nunca o nacionalismo emancipador que significa o BNG, e non podemos permitirnos o luxo de fallar”, concluíu.

O acto político na Praza do Obradoiro contou con máis de medio millar de responsables políticos, militantes e simpatizantes, e coas intervencións tamén de Goretti Sanmartín, candidata á Alcaldía de Santiago, e do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-certifica-fracaso-da-constitucion-reclama-novo-status-politico-reconeza-galiza-nacion/20181206161749023368.html


© 2018 BNG - Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
Correo: [email protected]
Teléfono: 981555850

facebook twitter youtube whatsapp telegram instagram flickr