O BNG aposta por continuar coa mobilización social para defender “con uñas e dentes” a sanidade pública

Parlamento Aberto Sanidade
Parlamento Aberto Sanidade

Pontón: “É indecente que Feixóo teña tempo para reunións clandestinas coa patronal da sanidade privada pero non coa Plataforma que defende o sistema público de saúde”

II Xornada Parlamento Aberto para analizar a situación dun servizo público esencial con profesionais, sindicatos e cargos nacionalistas

O BNG defende a necesidade de continuar coa mobilización social, -tras a multitudinaria manifestación do pasado 4 de febreiro-, para defender a sanidade pública do avance privatizador e dos recortes do PP, que en Galiza ten como principal “entusiasta” ao propio presidente da Xunta, como denunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, nas II Xornadas de Parlamento Aberto organizadas polo BNG, neste caso para analizar e dar propostas para o sistema público de saúde.

“Hai que seguir coa mobilización e coa resposta social e dando información do que está pasando”, indicou Pontón, “porque hai que defender o sistema público de saúde con uñas e dentes ante o acoso do PP que pretende facer da sanidade un negocio para uns poucos, e que en Galiza ten un entusiasta das privatización como Feixóo, que fixo deste territorio un campo de probas dese proceso privatizador que empezou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”.

Parlamento Aberto Sanidade Neste sentido, a portavoz do Bloque cualificou de “indecente” que o presidente da Xunta “teña todo o tempo de mundo para reunións clandestinas coa sanidade privada, pero nin un só minuto na súa axenda para reunirse coas plataformas que representan aos profesionais da saúde, áreas sanitarias, aos partidos políticos, ao conxunto da cidadanía que se manifesta masivamente nas rúas”, argumentou, instando ao xefe do Executivo galego “a sentarse coa Plataforma SOS Sanidade Pública que representa a eses milleiros de persoas que están expresando o seu malestar en contra dos recortes e da privatización”.

“Un caso máis de soberbia de Feixóo en contra da cidadanía que lle impide sentarse e dialogar”, denunciou Pontón, ao tempo que recalcaba “a necesidade de manter o debate e o pulso en defensa da sanidade pública”.

Contrarreforma do PP

Entre as prioridades inmediatas do BNG, conseguir que no debate parlamentario se eliminen os aspectos máis lesivos da nova volta de torca que pretende o PP coa reforma da actual Lei de Sanidade de Galiza, que avanza na privatización e suprime áreas sanitarias, así como corrixir o desmantelamento da atención primaria que soporta con especial virulencia os recortes pese a ser a porta de entrada ao sistema de saúde.

Pontón denuncia que   atención primaria acumula un recorte de 2.000 millóns de euros desde a chegada de Feixóo á Xunta, o que se traduce en menos recursos materiais e profesionais, “de tal xeito que a día de hoxe hai listas de espera de ata unha semana para ir ao médico de cabeceira”. Tamén chamou a atención sobre as derivacións á sanidade privada “xogando coa necesidade das persoas de ter un atención o antes posible”.

“É momento de que o PP escoite e estea disposto a rectificar porque nunha sociedade civilizada non se pode permitir que o dereito á saúde dependa da capacidade económica individual e todo para dar negocio aos amiguetes do PP ”, concluíu Pontón, na súa intervención de apertura dunha xornada coordinada pola portavoz de Sanidade, Montse Prado, con catro mesas de análise: Atención primaria, porta de entrada ao sistema sanitario, Profesionais, peza clave nunha sanidade pública de calidade, Situación da saúde mental: necesidades e propostas e unha mesa coas Plataformas en defensa das áreas sanitarias.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG