Ana Pontón: “É unha tomadura de pelo que se peche o Congreso sen que Galiza logre a xestión da AP-9”

Acto A Coruña
Acto A Coruña

“As forzas estatais estiveron mareando a tramitación da lei, pero teño claro que co Bloque (na Cámara baixa) isto non pasaría”, denuncia

Participa nun acto sectorial de Vivenda organizado polo BNG da Coruña

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou que o último pleno do Congreso celebrado hoxe se saldara cun novo naufraxio da transferencia da AP-9 pola desidia das forzas políticas estatais, que non lograron tramitar en tempo e forma a lei galega na que se reclama a xestión desta autoestrada.

“O último pleno do Congreso confirmou que a AP-9 volve quedar no limbo e non será transferida porque os grupos políticos estiveron máis de dous meses mareando unha proposición de lei sen tramitala por urxencia, como pedía o BNG, e vemos como o balance desta lexislatura é unha Galiza desaparecida da política estatal”, denunciou.

A líder nacionalista considera que se trata da eneísima “tomadura de pelo aos galegos e as galegas” que volve deixar en evidencia que as forzas con centro de decisión en Madrid “discriminan” este país. “Vimos como o Goberno do PP primeiro e o do PSOE despois o único que fixeron foi subirnos as peaxes da AP-9 e a promesa incumprida da transferencia”.

Por contra, noutros territorios o Goberno do Estado “baixou as peaxes un 30%”, -como  no caso das radiais madrileñas-, e autoestradas coetáneas da AP-9 “quedaban libres de peaxes”.

A conclusión é evidente para a líder do Bloque: “Demostra mais até que punto precisamos unha representación no Congreso que poña en primeiro plano a defensa dos intereses dos e das galegas. Teño moi claro que isto no pasaría se estivese o BNG no Congreso”, recalcou.

Neste sentido, salientou que o 28 de abril é unha oportunidade “para recuperar voz propia” en Madrid da man dunha forza política sen ataduras que poña fin á irrelevancia política e á discriminación das forzas estatais, “que poña fin a unha situación bochornosa que castiga a xente deste país a seguir vivindo nun Estado no que parece que Galiza sempre á a última carta da baralla”.

Pontón lembrou que o Bloque ten en marcha o proceso de debate e consulta da militancia para designar aos candidatos e candidatas que concorrerán á cita das eleccións xerais, proceso que acabará coa aprobación das candidaturas por parte do Consello Nacional o vindeiro sábado 9 de marzo.

Acto sectorial de Vivenda

A portavoz nacional fixo estas declaracións tras a súa participación nun acto sectorial de vivenda organizado polo BNG da Coruña para analizar a situación de acceso á unha residencia na cidade herculina.

Da man do candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, e da portavoz municipal, Avia Veira, o Bloque coruñés intercambiou propostas e información con expert@s, urbanistas, arquitect@s, usuarios e usuarias, colectivos preocupados pola accesibilidade, contra os desafiuzamentos e na defensa da vivenda como un dereito. Todo de cara a enriquecer as medidas que a candidatura nacionalista defenderá para A Coruña no seu programa municipal.

Pontón presumiu de que os concellos liderados polo BNG “poñen no centro o dereito á vivenda, cun urbanismo pensado en clave social e mobilizan recursos para facilitar o acceso a unha residencia digna”. Por contra, o Goberno de Feixóo reduciu os orzamentos para esta materia un 70% e Galiza ten 300.000 inmobles desocupados, o 75% en mal estado. “Urxe recuperar unha política pública de vivenda e de rehabilitación”, recalcou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG